top of page

PREVIA 1/8 DE FINAL COPA DO REI FS | Noia Portus Apostoli FS – Wanapix Sala 10 | Os Reis traen a Copa de volta ao Mourís


Luns, 06/01/2025 · 18:20h · Imaxe: Foto Pichero | Os de David Palmas xóganse o pase a cuartos de final nun enfrontamento inédito que supón o regreso do torneo copeiro ao feudo noiés case 3 anos despois.


O Agustín Mourís dá a benvida ao 2025 cun billete aos cuartos de final da Copa do Rei FS en xogo. O Noia Portus Apostoli FS recibe ao Wanapix Sala 10 este martes 7 ás 20:45h en duelo da eliminatoria a partido único de oitavos de final do torneo do KO.


O vestiario noiés reactiva o chip copeiro, competición que iniciou en novembro eliminando ao Levante UD FS (3-7). E faino na casa, para alegría dobre. En primeiro lugar, pola oportunidade de xogar un partido máis diante da súa afección, que non vía acción de Copa do Rei in situ desde febreiro de 2022; e, en segundo, por evitarse unha viaxe nun xa de por si conxestionado calendario, que trae unha nova semana de dobre compromiso. Os brancos teñen claro que a prioridade é a Liga, coa visita de todo un Illes Balears Palma Futsal no horizonte desta fin de semana, pero a Copa sempre ilusiona, e, cos seus nas gradas, darano todo por alcanzar por segunda vez na súa historia os cuartos de final.


Algo similar ocorre no rival, un Wanapix Sala 10 que é outro dos equipos envoltos na batalla pola permanencia ligueira (15º con 8 puntos). Os de Jorge Palos alcanzaron esta rolda de oitavos tras desfacerse do Social Energy Alcalá FS (3-7), e chegarán a Noia nunha serie de dous partidos sen perder en Liga, tras derrotar a ElPozo (2-1) e empatar in extremis ante Industrias (4-4). Os zaragozanos están compostos, maioritariamente, por un plantel de continuidade con respecto ao equipo que logrou o ascenso o curso pasado, combinando a experiencia dos Iván Bernad, Adri Ortego ou Richi Felipe xunto á xuventude e proxección dos Pescio, Alberto Inés ou o ex noiés Rivera. Para este duelo copeiro, os maños poderán contar co seu reforzo invernal, o á zurdo arxentino Brasesco.


Rematan as festas de Nadal co Día de Reis, e o Noia Portus Apostoli FS quere darse e darlle á súa afección un máis que merecido regalo en forma de vitoria que, ademais de para continuar camiñando nesta Copa do Rei FS, sirva de acicate para superar as dificultades ligueiras.


 

Declaracións previas


Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís a partir das 19:15h. Toda a información sobre a venda de entradas, AQUÍ.


Lembramos que todos os abonados XERAL, MOZO, FAMILIAR e ACOMPAÑANTE FAMILIAR tiveron de prazo ata o venres 3 ás 12:30h para mercar a ENTRADA DO SEU ASENTO. Os que non mercaran entrada e desexen facelo agora poderían ter que ocupar un asento distinto ao do seu abono.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo a través da canle de YouTube da Real Federación Española de Fútbol, así como os distintos soportes da RFEF, este martes 7 a partir das 20:45h.


Árbitros

Os madrileños Carlos Panadero Díaz-Concha e Héctor Mayo López. Balance con esta parella de unha vitoria, catro empates e dúas derrotas.


Precedentes

Será o primeiro enfrontamento histórico entre ambos conxuntos.

Comments


bottom of page