A 2024/2025, unha temporada para a historia do Noia Portus Apostoli FS
- Departamento prensa Noia PA FS
- 14 hours ago
- 3 min read

Luns, 16/06/2025 · 11:12h · Imaxe: Mr Robles/Futsal Corner | Os éxitos de Primeiro Equipo, Filial e Escola Deportiva conforman un curso para o recordo no Club.
Coa eliminación do Xuvenil DH no Campionato de España Sub-19 de Clubes o pasado venres finalizou a temporada competitiva 2024/2025 para todos os equipos do Noia Portus Apostoli FS. Unha que se presentaba ambiciosa no seo do Club e que, dados os resultados obtidos, demostra o progreso e queda para sempre nos anais como a mellor da súa historia.
Permanencia en Primeira e hexemonía autonómica
Aínda nos emocionamos ao lembrar o que foi aquela tarde-noite en Torrexón. O Primeiro Equipo mantivo a categoría nun exercicio de resiliencia espectacular. A pesar de alcanzar o cambio de ano con 2 puntos e terminar a primeira volta con só 7, o equipo de David Palmas nunca se deu por vencido. Apoiado sobre todo no fortín do Agustín Mourís (14 de 21 puntos posibles), os noieses completaron unha segunda volta digna de loita polo PlayOff, e cun sufrido punto na cancha do Club máis laureado do mundo lograron manter na elite ao equipo, nunha proeza só repetida por dous equipos anteriormente.
Imaxes 1 e 2: Foto Pichero · Imaxe 3: Photo Trece | A fortaleza no Mourís permitiu chegar con vida á última xornada.
Obxectivo cumprido, ao igual que no terreo autonómico. O Portus Apostoli tiña este curso a opción de converterse no segundo conxunto na historia en erguer catro títulos seguidos de Copa Galicia FS. Dito e feito. Os noieses desfixéronse de Grupo Forma-t Vilalba FS, ADC Lugo Sala e Stellae Leis Pontevedra FS para alargar o seu reinado e instalar unha hexemonía á que buscará dar continuidade na 25/26.
Imaxes: Foto Pichero | Lugo, escenario da cuarta Copa Galicia FS consecutiva.
Estrea con nota do Filial na categoría de bronce
Na 2016/2017 o Primeiro Equipo noiés despediuse da Segunda División “B” FS camiño de Segunda. O pasado mes de setembro, oito campañas despois, era o seu Filial o que se estreaba na terceira categoría nacional. Cun equipo sub-23 enfocado en potenciar xogadores de cara ao futuro, como foi o caso dos Izan ou Koeman, o cadro dirixido por Guille Murillo afrontaba un reto de aupa, superado con creces. Nun Grupo 1 sempre competitivo e esixente, os brancos non sufriron para cumprir a meta da permanencia, concretada a 6 xornadas do final do campionato, e mantivéronse sempre máis preto de zona de PlayOff que de descenso, protagonizando unha destacada xeira de máis de dous meses sen ceder puntos no Mourís. A táboa deixounos 8º con 48 puntos, remarcable inicio a unha viaxe que oxalá sexa moi larga.
Imaxes: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Gran debut do noso Filial en Segunda "B".
O Xuvenil DH, fazaña tras fazaña
O Noia Portus Apostoli FS volvía a contar cun Xuvenil en División de Honra, a máxima da categoría, varios cursos despois. Tantos que ata o formato da competición mudara. O que non o fixo foi o equipo noiés, que viña de dúas temporadas plagadas de vitorias e nesta 24/25 tampouco se cansou de gañar. Unha primeira volta ligueira formidable (14 vitorias en 15 partidos) valeulle para estrearse nunha Copa de España Xuvenil FS. A pesar de non superar a rolda de cuartos, os noieses deixaron a súa pegada cunha espectacular remontada. No regreso á Liga, os de Daniel Ventoso confirmaron a primeira posición para asinar unha conquista inédita e brillante e, tras superar a fase previa, plantarse na loita polo Campionato de España Sub-19 de Clubes. De novo, os nosos protagonizaron un encontro vibrante, rozando a épica, pero tamén sen premio competitivo. Iso si, nada que empañe unha actuación histórica desde setembro ata xuño, e aínda hai fame de máis.
Imaxes 1 e 2: Manuel Lorenzo/Noia PA FS · Imaxe 3: RFEF | Instantáneas para o recordo.
Dous títulos e dous ascensos máis na Escola
As boas noticias en forma de éxitos seguen nas categorías inferiores da Escola Deportiva co dobrete do Cadete Rubi e Douglas. Liga e Copa foron a parar ao peto dos nosos, e con iso o ascenso a Preferente Futgal FS. Mesma categoría á que tamén promocionou o Alevín Schütt e Álex García de cara á vindeira temporada.
Imaxe 2: Alejandro Lorenzo · Imaxe 3: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Orgullosos da nosa Escola!
Desde os pequenos ata os grandes, todos medramos xuntos e todos facemos Noia Portus Apostoli FS. E que así siga sendo durante moitos anos máis.
Comments