CRÓNICA X29 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 7–0 CRI) | CAMPIÓNS DE LIGA!
- Departamento prensa Noia PA FS
- 2 days ago
- 3 min read

Domingo, 18/05/2025 · 19:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses realizan un dos seus partidos máis completos do curso para erguer un histórico título para o Club.
Si, si, si, a Liga xa está aquí! Despois de dominar practicamente de inicio a fin, o Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS proclamouse campión do Grupo 1 da Liga División de Honra Xuvenil FS, ao superar cun rotundo 7-0 ao CD San Cristóbal Cochinillo Tabladillo na 29ª e penúltima xornada ligueira.
Tras a vitoria do 5 Coruña FS o sábado, os noieses saltaban á pista conscientes de que só lles valía gañar para decantar a batalla polo campionato definitivamente do seu carón. Como de costume, asumiron a batuta do duelo e pouco tardaron en chegar as ocasións. A máis clara tívoa Brais, que errou no man a man ante o gardameta.
Nunha desas ofensivas, Oliver Chenel anticipouse a un rival na area, provocando un penalti que o propio pivote convertiu de maneira maxistral para abrir o camiño no 10’. No treito final do primeiro tempo súmaronse dous tantos máis ao electrónico, ambos obra de Saúl en accións definidas ao segundo pau.
Solidez, contundencia e campións!
Os visitantes optaron por introducir o porteiro-xogador á saída de vestiarios, pero o Xuvenil DH noiés non tremeu en tarefas defensivas, aspecto no que se mantivo moi serio durante todo o encontro, e pouco despois engadiron máis vantaxe. Roubou Brais e finalizou Álvaro á red para, no 27’, colocar o 4-0. Superado o ecuador do segundo acto, fixo o quinto do choque e o 40º da súa conta particular na competición ligueira Oliver Chenel, afianzándose como o máximo goleador do Grupo 1.
Pasaban os minutos e a festa era cada vez maior, tanto na grada como na pista. Os blancos gustábanse, incluso en defensa, onde volveron a dar coa tecla ante o xogo de cinco rival e incluso lograron un gol, obra do porteiro Koke. A guinda definitiva pertenceu a Danito, que conseguiu a pracer o 7-0 co que se pechou o marcador e a disputa do título.
En 2023, ascenso a Liga Galega FS. En 2024, ascenso a División de Honra FS. E en 2025, debutando entre os mellores, participación na Copa de España FS, clasificación ao Campionato de España Sub-19 de Clubes e brillantes campións do Grupo 1 ligueiro. Non paramos de quitarnos o sombreiro cun grandísimo equipo que segue cumprindo soños e facendo historia para o Club. E oxalá isto só sexa o comezo.
Próximo partido
Os de Daniel Ventoso concluirán a Liga regular o domingo 25 ás 12:00h na pista do Carballiño FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), Sito (c), Koeman, Iago López e Brais. Tamén xogaron Koke (p), Mateo Varela, Danito, Oliver Chenel, César, Álvaro, Miguel Romero, Xavi Souto e Saúl.
CD San Cristóbal Cochinillo Tabladillo: Adri (p), Sebas, Galindo, Juan (c) e Gómez. Tamén xogaron Changa (p), Mario, Arribas, Matute, Plaza e Luis.
Goles: 1-0 Oliver Chenel, de penalti (10’), 2-0 Saúl (17’), 3-0 Saúl (19’), 4-0 Álvaro (27’), 5-0 Oliver Chenel (31’), 6-0 Koke (35’), 7-0 Danito (38’).
Os árbitros Adrián Lagos Piedras e Marcos Vázquez Mayán amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Brais (30’). Nos segovianos, amarelas a Juan (19’) e Galindo (35’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 29 do Grupo 1 da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.