Guille Murillo valora a temporada de debut do Filial na Segunda División “B” FS
- Departamento prensa Noia PA FS
- May 15
- 2 min read
Xoves, 15/05/2025 · 19:50h | O técnico do Portus Apostoli “B” amosouse “moi contento” polo desempeño dos seus.
A temporada do Filial chegou ao seu fin hai uns días, e con ela a primeira incursión na Segunda División “B” FS, que se resolveu ocupando a 8ª praza con 48 puntos. Un debut a aplaudir que, xa pasado e terminado, calificou así o seu adestrador, Guille Murillo.
“A valoración é de notable. Estou moi contento”, expresa o técnico filialista sobre o desempeño do seu equipo, do que pode dicir sen dúbidas que “conseguimos os obxectivos”. E xa non só a nivel clasificatorio, cunha permanencia lograda “con creces e cedo” a seis xornadas do final, senon que o andaluz tamén destaca o ter dado máis pasos en instaurar “unha cultura de traballo que vai a facer que Filial e Primeiro Equipo se sigan achegando”.
Único equipo Filial, plantel sub-23 e presenza de ata 7 xuvenís durante o transcurso do campionato. Con estes ingredientes, a tarefa de competir ante conxuntos máis experimentados nun duro grupo da tercera categoría nacional non era nada sinxela. “Moitos xogadores en idade xuvenil, incluso de segundo ano, tiveron que participar e foron parte importante do equipo”, afirma Murillo, recoñecendo que “algo que caracteriza á xuventude é a irregularidade”. Aínda así, o adestrador congratula aos seus porque “sempre competimos contra os grandes fomos un equipo fiable en partidos que non tiñamos que perder”, atopando unha regularidade que considera un aspecto “digno de eloxiar”.
Ese, xunto a manter a categoría e outros moitos factores, suman para achegarse ao fin fundamental dun Filial, que non é outro que o de prover de xogadores ao Primeiro Equipo, tanto en partidos como en adestramentos. “Que xogadores do Filial poidan ir co Primeiro Equipo e non se note porque traballamos o mesmo fai moito ben”, afirma o sevillano, convencido de que “agora falamos de Koeman e Izan (ambos debutaron oficialmente esta campaña co Primeiro Equipo), pero puxéronse as bases para que a medio prazo poidan saír máis jugadores”.
Comentarios