top of page

CRÓNICA 1/4 DE FINAL COPA DE ESPAÑA XUVENIL FS (NPA 5(3)-5(4) MRB) | Eliminados con honra

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Apr 11
  • 4 min read

Venres, 11/04/2025 · 18:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os penaltis deixaron sen premio a gran reacción dun Xuvenil DH noiés que marcha de Murcia coa cabeza ben alta.


O Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS dixo adeus á Copa de España Xuvenil FS ás primeiras de cambio, pero deixando a súa pegada. Aos penaltis tivo que recorrer o MRB Móstoles para desfacerse dun conxunto noiés que, a pesar do seu mal inicio de partido, nunca se deu por vencido e completou unha remontada épica que a piques estivo de ser completa.


Un dos hándicap cos que podían partir os de Daniel Ventoso no Príncipe de Asturias murciano era a inexperiencia neste tipo de competicións. O propio adestrador o avisou, e a iso se lle pode atribuír o comezo negativo dos seus. Con dúas boas xogadas de combinación, os mostoleños desbarataron a presión branca e colocaron o 0-2 en apenas dous minutos de xogo.


O Noia quería pero non podía, mentres aos laranxas saíalles todo. Discorría o minuto 7 cando o MRB FS Móstoles engadía o terceiro tanto á súa conta, por medio dunha transición. Aínda que Mosquera tivo que apagar algún fogo máis, a superioridade numérica noiesa pola expulsión do meta mostoleño Xoel iniciou o xiro do partido. Koeman lanzou ao pau, na máis clara do Portus Apostoli cun máis.


O gol de Saúl no 14’ foi o revitalizante definitivo e o Noia encarou vestiarios dous abaixo no marcador, pero máis incisivo, protagonista e plenamente sabedor de que era capaz de facerlle dano ao seu rival.


A tolemia final


Remachando no segundo pau unha acción de estratexia, Oliver Chenel puxo o 2-3 no primeiro minuto do reinicio. A alegría durou pouco, xa que o MRB FS Móstoles volveu a abrir vantaxe uns segundos máis tarde. Iso si, o partido xa era moi distinto. O equipo noiés estaba totalmente esperto e desprendía sensacións melloradas en cada xogada.


Nunha desas, Oliver Chenel reapuntouse na lista de anotadores, ao finalizar unha rápida triangulación post roubo preto da portería rival. Pero, como se de xogar ao gato e ao ratón se tratara, os mostoleños volverían a distanciarse no electrónico, debuxando o 3-5 no 32’.


Lonxe de afundir a moral noiesa, os brancos encaixaron ese quinto gol sen inmutarse. Cada acción con resultado positivo era celebrada con énfasis por xogadores e tamén por unha ruídosa afección que se fixo notar e acompañou aos seus da mano nun tramo final espectacular.


Ventoso arriscou adiantando a unha banda a Koke, porteiro do segundo acto, no xogo de cinco. En practicamente a primeira intentona con ese esquema, Brais puxo aos seus a un por terceira vez. E agora non o ían a deixar escapar. A piques de entrar no último minuto, Koke empalou cal pivote ao segundo pau o envío de Álvaro para nivelar por fin o partido, case 40 minutos despois. Loucura na parte noiesa da grada, que puido ser maior se Oliver Chenel conectara coa cabeza o pase elevado de Iago López na última do encontro.


Crueis penaltis


O empate a 5 goles levou a decidir un gañador desde os seis metros. Álvaro abriuna sumando para o Noia, como Solera para o MRB FS Móstoles. Porén, a continuación Oliver Chenel non puido converter, Raúl Mosquera quedou a un pelo de atrapar o tiro de Palme e César viuse freado polo meta contrario. Tres lanzamentos seguidos con malas novas para uns noieses que, cos goles de Koeman e Iago López e a parada de Koke a Diego, recuperou unhas esperanzas que finalmente fulminaría David Fernández metendo o definitivo penalti dun MRB FS Móstoles que estará na semifinal.


Non será o caso dun Noia Portus Apostoli FS que, a pesar de estrearse nunha Copa de maneira breve, demostrou ante los ollos de todos a calidade, competitividade e ambición que viña probando en Liga e despediuse de Murcia con lágrimas nos ollos, pero tamén con todas as honras.



Próximo partido


Regreso á Liga para os noieses o venres 18 ás 18:30h na casa fronte ao Valladolid Sport Sala.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Raúl Mosquera (p), César, Álvaro, Xavi Souto e Oliver Chenel. Tamén xogaron Koke (p), Sito (c), Mateo Varela, Koeman, Brais, Iago López e Saúl.


MRB FS Móstoles: Xoel (p), David Fernández (c), Gabi, Iron e Albert. Tamén xogaron Peru (p), Samu, Carlos, Kaiser, Palme, Solera, Ian, Diego e Alberto.


Goles: 0-1 Gabi (2’), 0-2 David Fernández (2’), 0-3 Iron (8’), 1-3 Saúl (14’), 2-3 Oliver Chenel (21’), 2-4 Gabi (22’), 3-4 Oliver Chenel (27’), 3-5 Alberto (32’), 4-5 Brais (37’), 5-5 Koke (39’). Tanda de penaltis: 1-0 Álvaro, 1-1 Solera, falla Oliver Chenel, 1-2 Palme, falla César, 1-3 Kaiser, 2-3 Koeman, para Koke a Diego, 3-3 Iago López, 3-4 David Fernández.


Os colexiados Sergio Hervás Soria e Álvaro Jiménez-Conde Guirao amoestaron con cartón amarelo nos noieses a Mateo Varela (4’) e Lucas (16’). Nos mostoleños, amarelas a Ian (6’) e ao adestrador Jorge Cruz (30’). Viu a vermella directa Xoel (8’).


Incidencias: partido correspondente aos cuartos de final da Copa de España Juvenil FS 2025, disputado no Pavillón Príncipe Felipe de Asturias (Murcia).

コメント


bottom of page