CRÓNICA 1/4 DE FINAL CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB-19 DE CLUBES (WAN 5–4 NPA) | Outra vez coa mel nos beizos
- Departamento prensa Noia PA FS
- 5 minutes ago
- 3 min read

Venres, 13/06/2025 · 19:38h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Igual que na Copa, os noieses despídense en cuartos de final tras rozar unha espectacular remontada.
Como dous meses atrás na Copa, o Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS quedou a detalles de superar a rolda de cuartos de final no Campionato de España Sub-19 de Clubes, do que se despediu ao caer por 5-4 contra o Wanapix Alagón Multiservicio AD Sala 10.
Os noieses foron os primeiros en avisar seriamente. Oliver Chenel probou a madeira en dúas ocasións cando apenas se cumpriran tres minutos de xogo. Non foron as únicas aproximacións dos galegos, que sabían da importancia de comezar ben o partido. O forte golpeo Álvaro, en accións a balón parado, a piques estivo tamén de adiantar aos seus.
Porén, os primeiros en ver portería serían os maños por medio dun disparo exterior de Saúl no 7’. Cinco minutos despois chegou o 2-0, gol de Miguel Lahoz que fixo moito dano ao Portus Apostoli. O momento máis delicado dos de Daniel Ventoso no choque provocou o encaixar outras dúas dianas case seguidas, convertidas por Pedro Altaba e Saúl para un Wanapix que demostraba a súa condición de un dos favoritos ao título.
Preto doutra proeza

Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Co protagonismo de Koeman en ataque, os noieses deron un paso á fronte na segunda metade, e pouco a pouco lograron facerse co control total do partido. Só se resistía o gol que os puidera meter de cheo no marcador.
A falta de oito minutos para o final, Koke adiantou a súa posición, nun movemento que xa foi revitalizante na Copa. Nunha das primeiras co porteiro en ataque, Álvaro saltouse o guión e cun tremendo disparo de lonxe borrou a seca dos vestidos de negro para esta cita.
A reacción viuse freada por un desafortunado gol en propia meta de Koke, nun pase atrás do gardameta que non conseguiu controlar Koeman e pasou entre os paus. Máis o lamentaron os noieses, tanto os da pista como os animosos presentes na grada do Palacio de los Deportes murciano, cando na recta final a súa insistencia tivo premio con tres dianas, de Brais, Koke e Koeman. Esta última xa a dous segundos do bocinazo final, tempo insuficiente para completar unha remontada que estivo moi preto de producirse.
Termina así unha temporada para a historia do Xuvenil DH noiés. Campións do Grupo I de División de Honra FS e dobre estrea, na Copa de España Xuvenil FS e no Campionato de España Sub-19 de Clubes. Ou, dito doutra maneira, colocando o nome de Noia entre os mellores do país. Só queda aplaudir e dar as grazas a un grupo espectacular que, seguro, volverá aínda máis forte o vindeiro curso.
Ficha técnica
Wanapix Alagón Multiservicio AD Sala 10: Diego Lázaro (p), David, Izan Gonzalo, Miguel Lahoz (c) e Pedro Altaba. Tamén xogaron Marcos, Dani, Jorge Inés, Mikel, Izan Carreño, Juanchi, Joserru e Saúl.
Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), César, Koeman, Iago López e Oliver Chenel. Tamén xogaron Koke (p), Sito (c), Mateo Varela, Danito, Álvaro, Brais, Xavi Souto, Saúl e Miguel Romero.
Goles: 1-0 Saúl (7’), 2-0 Miguel Lahoz (12’), 3-0 Pedro Altaba (16’), 4-0 Saúl (17’), 4-1 Álvaro (32’), 5-1 Koke, en propia portería (36’), 5-2 Brais (37’), 5-3 Koke (39’), 5-4 Koeman (40’).
Os árbitros Álvaro Jiménez-Conde Guirao e Iván Sánchez Cano, do comité murciano, amoestaron con tarxeta amarela nos maños a Miguel Lahoz (20’). Nos noieses, amarelas a Oliver Chenel (35’) e César (37’).
Incidencias: partido correspondente á eliminatoria a partido único de cuartos de final da fase final do Campionato de España Sub-19 de Clubes, disputado no Palacio de los Deportes de Murcia.
Comments