
Venres, 24/01/2025 · 19:40h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os de Daniel Ventoso deixan atrás o ruído da Copa e poñen en marcha a segunda volta ligueira (dom. 26/01, 12:30h).
Tras coñecer os detalles sobre a ilusionante Copa de España que xogará en abril, o Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS volve a poñer miras na competición ligueira. A visita do Stellae Leis Pontevedra FS ao Mourís, este domingo 26 ás 12:30h, supón o inicio da segunda volta, co altísimo listón da primeira na mente.
O contundente triunfo ante o Carballiño FS na pasada xornada serviu para redondear unha metade inicial de curso para o recordo. Números de 14 vitorias en 15 partidos, 42 puntos de 45 posibles, 87 goles a favor e 30 en contra que serán moi difíciles de igualar e superar, pero os noieses aceptan o reto de tentalo, co fin de soñar con máis logros.
O primeiro paso será colleitar unha nova vitoria ante o Stellae Leis Pontevedra FS. Os amarelos ocupan a 10ª posición con 21 puntos, nunha zona media da táboa moi conxestionada, con cinco equipos separados por apenas un punto. No seu anterior compromiso, os pontevedreses caeron por 4-1 na pista do Sibuscascoche Ribeira FS.
Toca aparcar a euforia e a emoción do novidoso e histórico que implica a clasificación á Copa de España, porque ata abril os brancos queren seguir apretando o acelerador ao máximo na Liga para manter o seu dominio no máis alto da táboa.
Precedentes
·15 de setembro de 2024 | X1 Xuvenil División de Honra FS – Grupo I 2024/2025 | STE 1-9 NPA
Comments