top of page

O histórico debut en Segunda División “B” FS, na casa | Este é o calendario do Filial!


Martes, 06/08/2024 · 16:45h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os de Guille Murillo estrearanse na categoría de bronce o 14 ou 15 de setembro no Mourís ante o IES Coruxo FS.


O Noia Portus Apostoli FS “B” xa sabe cal será o seu percorrido na temporada de estrea na Segunda División “B” FS. A Real Federación Española de Fútbol desvelou este luns o calendario do Grupo I, sinalando o debut do Filial para a fin de semana do 14 e 15 de setembro no Municipal Agustín Mourís contra o IES Coruxo FS.


Ese será a bandeira de saída dun curso tan esixente como ilusionante para os noieses, o cal continuará visitando na segunda xornada a un dos clásicos da categoría, o Deporcyl Guardo FS, da provincia de Palencia, na primeira viaxe da 2024/2025.


Así sera o camiño do Filial en Segunda División "B" FS. A diferenza do do Primeiro Equipo, trátase dun calendario simétrico.


A metade inicial ligueira terminará a fin de semana do 21 ou 22 de decembro na pista do Grupo Forma-t Vilalba FS, mesmo rival ao que se enfrontarán na última xornada o 3 ou 4 de maio, ao tratarse dun calendario simétrico, é dicir, no que a orden de enfrontamentos en ambas voltas é o mesmo.


Os de Guille Murillo comezaron este luns 5 os adestramentos de pretemporada con 17 xogadores, todos eles sub-23, ás ordes do adestrador sevillano.




Unha 2024/2025 de altura para o Club

O encontro ante o IES Coruxo FS suporá o inicio dunha histórica campaña, tanto para o equipo como para o Club, que dispoñerá de conxuntos en Primeira División FS, Segunda División “B” FS e División de Honra Xuvenil FS, signo dos bos pasos que segue dando a Entidade, empezando pola súa Escola Deportiva.

Comments


bottom of page