Martes, 06/08/2024 · 15:00h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Filial branco iniciou este luns os adestramentos de pretemporada, a algo máis dun mes para comezar a Liga.
O Noia Portus Apostoli FS “B” 2024/2025 xa pisa pista. O novo plantel noiés púxose ás ordes do adestrador Guille Murillo este luns 5 no Municipal Agustín Mourís para realizar a primeira sesión de adestramento de pretemporada, co histórico debut na Segunda División “B” FS no horizonte, fixado para a fin de semana do 14 e 15 de setembro.
17 xogadores na volta ao traballo, con 7 caras novas
Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os sete reforzos do Filial, de esquerda a dereita: Álvaro, Fer, Koke, Jaime Pan, Iago López, Teo e Izan.
Guille Murillo dispuxo de un total de 17 xogadores na súa primeira sesión á fronte do Noia Portus Apostoli FS “B”, coa ausencia do gardameta andorrano Théo que se incorporará nos vindeiros días, e sumando 7 reforzos con respecto ao curso pasado. Trátase do porteiro Koke (procedente de CP Casás), o peche Izan (ex de Vigo 2015), os ás Jaime Pan (chegado desde o Stellae FS), Iago López (procedente de Pescados Rubén Burela FS), Teo (desde Lugo Sala) e Fer (ex de O Parrulo Ferrol FS) e o pivote Álvaro (incorporado desde o xuvenil do Real Betis Futsal). Ademais, entre eses 17, 5 deles aínda están en idade xuvenil: os mencionados Iago López e Koke, Brais, Álvaro Fernández e Mateo Vázquez.
Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PAFS | Os cinco xogadores en idade xuvenil que están realizando a pretemporada, de esquerda a dereita: Álvaro Fernández, Mateo Vázquez, Brais, Koke e Iago López.
En resumo, o plantel do Filial para afrontar o reto da Segunda División “B” FS queda así:
Porteiros Iván, Théo, Pablo e Koke.
Peches Lucho, Hugo e Izan.
Ás Jorge, Brais, Jaime Pan, Iago López, Teo e Fer.
Pivotes Gandoy, Dani Prieto e Álvaro.
Comentários