CRÓNICA X9 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (NPA “B” 5-1 RIV) | Volta ás boas sensacións

O Filial logrou un importante triunfo este sábado no Agustín Mourís, superando ao Caja Rural River Zamora FS (5-1) e unha xeira de tres xornadas sen gañar.
O conxunto de Chipi demostrou desde o inicio as súas ansias de levar a batuta do duelo. A través das incorporacións da súa meta Cristian, a pista inclinouse claramente do lado contrario. Iso si, os visitantes gozaron de dúas ocasións claras en transición que preto estiveron de inaugurar o electrónico. A diferenza do equipo zamorano, Nico Cuello non perdoou e no minuto 8 colocou o 1-0. Pasado o ecuador do primeiro tempo, os brancos seguiron dominando e atoparon a vía para aumentar distancias. En accións separadas por uns poucos segundos, os tantos de Iago López e Koeman abriron a renda a un 3-0.
Sen baixar o ritmo
Unha gran xogada individual de Koeman, prolongada por Iago López a Oliver Chenel para que este fixera o cuarto, deixou o partido practicamente visto para sentenza no minuto 29. Aínda que os zamoranos non deron o seu brazo a torcer, conseguindo no 32’ o buscado gol nunha volea en saque de esquina, o quinto de Koeman a cinco minutos do final e a boa defensa ao porteiro-xogador visitante selaron a vitoria noiesa.
Tras os 9 primeiros partidos do campionato, o Filial sitúase 6º con 14 puntos, a dous da zona PlayOff e cun colchón de catro sobre o descenso.
Próximo partido
Os filialistas visitarán ao FS Salamanca Energía Duero o sábado 21 ás 19:15h na 10ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Cristian (p), Hugo de la Peña, Koeman, Nico Cuello (c) e Oliver Chenel. Tamén xogaron Mosquera (p), Teo, César, Iago López, André e Cepeda.
Caja Rural River Zamora FS: Guille (p), Javier Egido, Samu Albert, Samu Borjas (c) e Ivi. Tamén xogaron Pablo Prieto (p), Alejandro, Isma Medina, Javier Martín, Javier Macías e Hugo Gómez.
Goles: 1-0 Nico Cuello (8’), 2-0 Iago López (12’), 3-0 Koeman (13’), 4-0 Oliver Chenel (29’), 4-1 Samu Albert (32’), 5-1 Koeman (35’).
Os árbitros Ander Orbegozo Cantón e Álvaro Sobral Moreno amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Teo (7’) e Mosquera (34’). Nos zamoranos, amarelas a Ivi (38’) e Samu Borjas (39’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 9 do Grupo 1 da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.





Comments