O Xuvenil DH, ante o CD Valle del Ebro nos cuartos de final da Copa de España Xuvenil FS
- Feb 11
- 1 min read

O Xuvenil DH coñeceu este mércores ao seu rival e o camiño a percorrer cara ao trofeo da Copa de España Xuvenil FS. O sorteo, realizado esta mañá por parte da RFEF na Cidade do Fútbol de Las Rozas, cruzou aos de Pablo Cardoso co CD Valle del Ebro, equipo de Logroño. O partido xogarase o venres 20 de marzo en Ogíjares (Granada).
Os noieses adéntranse na súa segunda participación consecutiva no torneo copeiro xuvenil despois de finalizar a primeira volta ligueira como líderes do Grupo 1, sumando 40 puntos, 13 vitorias, 94 goles a favor e 40 en contra. O resto de conxuntos clasificados son o rival CD Valle del Ebro (Grupo 2), Sala 5 Martorell FS (Grupo 3), MRB FS Móstoles (Grupo 4), Heredia 21 Málaga Ciudad Redonda FS (Grupo 5), Entrerríos Automatización (Grupo 6), Voladuras Carthago Jimbee Cartagena (Grupo 7) e Room Tryp Agüimes (Grupo 8).
As eliminatorias de semifinais disputaranse o sábado 21 de marzo e a gran final o domingo 22 de marzo.

O CD Valle del Ebro, un debutante en cuartos
Os brancos terán como opoñente a un conxunto que fará a súa estrea na cita de citas xuvenil. O CD Valle del Ebro ábrese paso na súa primeira Copa de España Xuvenil FS desde o Grupo 2. Os logroñeses confirmaron a súa clasificación cunha xornada de antelación, finalizando a primeira volta líderes con 32 puntos, 10 triunfos en 14 encontros, 73 goles a favor e 34 en contra.











Comments