
Venres, 04/10/2024 · 17:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Tras encaixar a primeira derrota en Salamanca, os noieses reciben a un duro oso este domingo 6 ás 18:00h.
O Xuvenil de División de Honra FS regresa a casa na cuarta xornada ligueira, despois de caer na pasada ante o FS Salamanca Ecotisa. E faino recibindo a, a priori, un dos rivais menos favorables para intentar recuperarse dese primeiro tropezo canto antes. O 5 Coruña FS, dos conxuntos pronosticados a anclarse entre os mellores postos da categoría, visitará o Agustín Mourís este domingo 6 ás 18:00h.
Os de Daniel Ventoso viron freado o seu gran inicio de temporada na pista salmantina de La Alamedilla, ante un FS Salamanca Ecotisa que soubo conter o torrente ofensivo dos noieses, que viñan de anotar 18 goles en dous encontros. Por volver a atopar a fluidez e os goles en ataque pasan boa parte das opcións brancas, nun duelo que se presume de máxima igualdade.
Pola súa parte, os coruñeses son o único cuadro que conta os seus tres choques disputados por vitorias. Nas últimas tres campañas, acudiron a dúas fases finais polo Campionato de España, caendo en ambas ante o Barça en cuartos e semis. Todo iso é proba clara do estatus do equipo herculino na categoría, enfocado na meta de repetir éxitos pasados e tentar estrearse na Copa de España, á que accede o líder de cada grupo ao final da primeira volta.
Un exemplo no que mirarse para o Xuvenil DH noiés, recentemente ascendido, pero con fame e ambición de conseguir o que se propoña. E o partido deste domingo, toda unha prueba para medir o seu nivel e demostrar que poden estar á mesma altura e loitar por grandes obxectivos.
Precedentes
Primeiro enfrontamento entre ambos equipos.
Comments