
Venres, 07/02/2025 · 17:00h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses reciben (sáb. 08/02, 18:15h) ao único equipo que foi capaz de gañarlles ata o momento.
Partido con sabor distinto para o Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS na xornada 18. Os brancos recibirán no Agustín Mourís este sábado 8 ás 18:15h ao FS Salamanca Ecotisa, equipo que puxo o único lunar á súa gran primeira volta.
Tras o aprazamento da xornada 16, os noieses iniciaron definitivamente a segunda metade do curso o pasado domingo en Ciudad Rodrigo, onde engadiron a 15ª vitoria do curso. No casilleiro dos líderes da Liga Xuvenil División de Honra FS locen uns espectaculares 45 puntos, número que queren seguir aumentando.
Especialmente esta fin de semana, coa sana ambición de devolvérllela ao FS Salamanca Ecotisa. Os salmantinos superaron por 4-1 aos de Daniel Ventoso na xornada 3, convertíndose no primeiro e, ata o momento, último equipo en arrebatarlle puntos aos brancos. De volta á actualidade, a táboa coloca aos charros 11º con 20 unidades, tamén cun partido pendente e empatando 3-3 no seu anterior encontro contra Sibuscascoche Ribeira FS.
Gañarse o desquite estará na mente do Xuvenil DH noiés este sábado, sempre desde a deportividade, competitividade e o obxectivo de continuar progresando como xogadores e colectivo.
Precedentes
·28 de setembro de 2024 | X3 Xuvenil División de Honra FS – Grupo I 2024/2025 | SAL 4-1 NPA
Comments