
Venres, 24/01/2025 · 19:25h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Filial visita ao primeiro clasificado (sáb. 25/01, 17:00h) cunha segunda vitoria consecutiva como obxectivo.
O Noia Portus Apostoli FS “B” desprázase ao Pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra para enfrontarse ao Stellae Leis Pontevedra FS, actual líder do Grupo I da Segunda División “B” FS, este sábado 25 a partir das 17:00h na 18ª xornada ligueira.
Os de Guille Murillo lograron a pasada fin de semana o primeiro triunfo do 2025 cun tanto in extremis de Izan, que, ademais, lles permite ascender á quinta praza da táboa, nunha axustada disputa co FS Salamanca Dehesa Grande (29 puntos, como os noieses), á que se une o CD Intersala Zamora – Euronics Caja Rural (28) e con varios conxuntos á expectativa.
Outra loita encarnizada é a que se está vivindo no máis alto da clasificación. Lidera o Stellae Leis Ponetevedra FS con 42 unidades tras o seu triunfo en Lugo ante o Sibuscascoche Ribeira FS (1-3), pero con tan só un colchón de dous puntos entre Caja Rural Atlético Benavente, Piensos Durán Albense FS e Grupo FORMA-T Vilalba FS (41, 40 e 40 puntos, respectivamente). Os do Lérez, que curiosamente veranse as caras co Primer Equipo noiés na final da XXXIII Copa Galicia o vindeiro 17 de abril, intentarán asentarse nese liderado cunha vitoria na súa casa. No seu plantel figuran xogadores con experiencia en maiores niveles, destacando por enriba de todos o nome de Aicardo, internacional español e cun palmarés amplísimo.
No duelo da primeira volta, o resultado de 1-2 non fixo xustiza a un gran partido dos brancos, aos que lle faltou puntería para sumar ante un dos mellores equipos da categoría, misión que intentarán levar a cabo de novo este sábado en terras pontevedresas.
Precedentes
·29 de setembro de 2024 | X3 Segunda División “B” FS – Grupo I 2024/2025 | NPA “B” 1-2 STE
留言