top of page

PREVIA FASE FINAL CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB-19 DE CLUBES | De novo a Murcia coa ilusión por bandeira!

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 1 day ago
  • 4 min read

Xoves, 12/06/2025 · 16:00h · Imaxe: Foto Pichero | Xa entre os oito mellores equipos de España, o Xuvenil DH noiés plántase nos cuartos de final (ven. 13/06, 12:00h, RFEF.es) coa ambición de seguir facendo historia neste último reto do curso.


Campións de Liga do Grupo I de División de Honra, participantes por primeira vez nunha Copa de España Xuvenil FS e, agora, na fase final do Campionato de España Sub-19 de Clubes. O Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS conclúe esta fin de semana no espectacular Palacio de los Deportes de Murcia unha temporada memorable, pase o que pase no duelo de cuartos de final ante un dos favoritos, Wanapix Alagón Multiservicio AD Sala 10, este venres 13 ás 12:00h.


Un soño que comezou o 15 de setembro, cunha vitoria por 1-9 na pista do Stellae Leis Pontevedra FS, e que terminou por fructificarse o pasado sábado 31 de maio no Agustín Mourís grazas ao 5-3 fronte ao CD Málaga Ciudad Redonda FS, 2º clasificado do Grupo 5, nas eliminatorias 1º contra 2º da fase previa. Entre medias, unha brillante conquista do título ligueiro basada en 23 vitorias, 2 empates e 5 derrotas, con 157 goles a favor e 62 en contra. Cabe destacar, unha vez máis, que os noieses realizaban esta campaña o seu regreso á máxima división, nutridos por un amplo bloque de xogadores de segundo ano dos tres que comprende a categoría xuvenil. Entre eles Koeman, que xa debutou esta temporada co Primeiro Equipo e coa Selección Española Sub-19 en dúas convocatorias, e Oliver Chenel, pichichi do Grupo I con 42 goles e autor de outros 3 máis no partido de oitavos ante os malagueños.


Con 14 efectivos presentarase o adestrador Daniel Ventoso en Murcia: Sito (c), Mateo Varela, Danito, Oliver Chenel, César, Álvaro, Koeman, Brais, Koke (p), Xavi Souto, Iago López, Saúl, Miguel e Raúl Mosquera (p). Todos eles, aparte de coa ilusión, tamén con ese importante grao de experiencia que lles faltaba antes de participar na Copa de España Xuvenil FS hai dous meses. Naquela ocasión tamén abriron a competición, caendo na tanda de penaltis contra o MRB FS Móstoles tras sobrepoñerse dun dubitativo inicio de encontro cunha extraordinaria remontada, nun dos momentos destacados do torneo.


Aquel día fixeron historia, aínda que quedaron con ganas de máis. O oportunidade para redimirse é esta. A tarefa tampouco será sinxela, pero este equipo xa demostrou que non lle treme o pulso e moito menos se dá por vencido con facilidade. A motivación e a calidade están aí. Agora só queda saltar ao lendario parqué do Palacio de los Deportes murciano e deixalo todo xuntos ata o final.


Contra un dos favoritos en cuartos, Wanapix Alagón Multiservicio AD Sala 10

O rival dos noieses en cuartos de final será o mellor campión dos oito grupos. Números incontestables: 30 vitorias en 30 partidos, 202 goles a favor e apenas 42 en contra. O Wanapix Alagón Multiservicio AD Sala 10 foi o gran dominador do Grupo 6, conquistándoo con 9 puntos de marxe e un historial practicamente perfecto. Na fase previa desfixéronse do SD Colegio El Pilar valenciano por 4-2, tendo que darlle a volta a un marcador adverso nos últimos minutos. O plantel dos zaragozanos conta con xogadores con experiencia nas categorías inferiores da selección española, como é o caso de Miguel Lahoz e Pedro Altaba, que xa debutaron co Primeiro Equipo maño. Na pasada Copa de España Xuvenil FS finalizaron como subcampións, só superados polo Futsal 54 Mataró CE na final, o que suma a posicionalos, a priori, como un dos futuribles para chegar lonxe na competición, algo que intentarán evitar os nosos.


Estes son todos os equipos que acompañan ao Portus Apostoli neste Campionato: Trepalio León Sala (Grupo 2), Futsal 54 Mataró CE (Grupo 3), Barça (Grupo 3), CDE Móstoles Futsal (Grupo 4), Wanapix Alagón Multiservicio AD Sala 10 (Grupo 6), Aljucer ElPozo Murcia FS (Grupo 7) e AD Duggi-San Fernando (Grupo 8). En total, 6 campións de Grupo e 2 segundos clasificados.



Declaracións previas

Horarios e o cadro

Cuarto de Final 1: Wanapix Alagón Multiservicio AD Sala 10 - Noia Portus Apostoli FS | Venres 13 de xuño (12:00h)


Cuarto de Final 2: Futsal 54 Mataró CE – Aljucer ElPozo Murcia FS | Venres 13 de xuño (14:15h)


Cuarto de Final 3: AD Duggi-San Fernando – Trepalio León Sala | Venres 13 de xuño (17:00h)


Cuarto de Final 4: CDE Móstoles Futsal - Barça | Venres 13 de xuño (19:00h)


---------------


Semifinal 1: Gañador Cuarto de Final 1 - Gañador Cuarto de Final 2 | Sábado 14 de xuño (12:00h)


Semifinal 2: Gañador Cuarto de Final 3 - Gañador Cuarto de Final 4 | Sábado 14 de xuño (14:15h)


---------------


Final: Gañador Semifinal 1 - Gañador Semifinal 2 | Domingo 15 de xuño (12:00h)


Emisión en directo

O torneo poderase seguir, en directo e en exclusiva, a través das canles oficiais da RFEF (YouTube e redes sociais).


O desprazamento

A expedición noiesa puxo rumbo en autobús a Murcia o mércores pola noite, con chegada a mediodía ao seu hotel de concentración.

Comments


bottom of page