PREVIA COPA DE ESPAÑA XUVENIL FS | O soño faise realidade: con toda a ilusión a Murcia!
- Departamento prensa Noia PA FS
- Apr 10
- 3 min read

Xoves, 10/04/2025 · 13:25h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Xuvenil DH noiés fai acto de presenza por primeira vez nunha Copa de España este venres 11 ás 11:00h fronte ao MRB FS Móstoles.
Acabouse a espera. A Copa de España Xuvenil FS 2025 xa está aquí, e nela di presente o Noia Portus Apostoli FS por primeira vez na súa historia, coas doses de ilusión, motivación e ganas que iso conleva. No duelo de cuartos de final, que ademais abrirá a competición, os brancos enfrontaranse o venres 11 ás 11:00h ao MRB FS Móstoles, do Grupo IV, no Pavillón Príncipe de Asturias de Murcia.
O equipo noiés gañouse o dereito a participar nesta Copa tras finalizar a primeira volta como líder do Grupo I con dúas xornadas de antelación. Fíxoo cun historial de 42 puntos de 45 posibles, 14 vitorias en 15 partidos, 80 goles a favor e 30 en contra. Números espectaculares que cobran maior relevancia ao tratarse da campaña de estrea na Liga División de Honra Xuvenil FS deste bloque de xogadores, nados entre 2006, 2007 e 2008. Cabe destacar o nome de Koeman, que grazas ao seu bo papel en Xuvenil DH e Filial debutou co Primer Equipo en Primeira División FS e Copa do Rei FS (onde anotou un gol), ademais dunha convocatoria coa Selección Española Sub-19.
Agora, tras superar un tramo menos favorable, os noieses chegan a Murcia manténdose primeiros e nunha liña de tres triunfos seguidos, os dous últimos sen encaixar gol, claves para pisar o parqué do Príncipe de Asturias coas mellores sensacións e capaces de plantarlle cara a calquera.
O adestrador Daniel Ventoso leva para a cita copeira a todos os seus efectivos, un total de 16 xogadores, de entre os que elixirá os 14 que formarán a convocatoria definitiva para disputarse contra o MRB Móstoles FS un posto nas semifinais do sábado. A lista é a seguinte: #4 Sito (c), #7 Mateo Varela, #8 Danito, #9 Oliver Chenel, #10 César, #11 Álvaro, #13 Koeman, #15 Brais, #18 Koke (p), #19 Xavi Souto, #21 Iago López, #23 Saúl, #26 Lucas (p), #28 Miguel, #31 Gabi e #98 Raúl Mosquera (p).
Todos eles forman un equipo que xa pasou á historia do Club. Agora, é momento de que a súa motivación, ambición e probada calidade os eleve ata o seu destino final no, ata o momento, torneo máis importante das súas cortas carreiras deportivas.
O rival de cuartos, MRB FS Móstoles
Os mostoleños foron, xunto a Trepalio León Sala e o Wanapix Alagón Multiservicio AD Sala 10, un dos tres clasificados con pleno de vitorias. Líder do sempre competente Grupo IV, o conxunto azul atesora un grupo de xogadores máis asentado na súa categoría, con varios deles incluso con experiencia en convocatorias coas inferiores españolas. A Murcia chegan tamén como primeiros, con 22 vitorias e 2 derrotas en 24 partidos, 188 goles a favor e 47 en contra, o que delata un gran poderío nas áreas que os noieses deberán contrarrestar se queren facer camiño cara a semifinal.
Estes son os equipos que acompañan ao Portus Apostoli nesta Copa: Trepalio León Sala (Grupo 2), Futsal 54 Mataró CE (Grupo 3), MRB FS Móstoles (Grupo 4), EOM Equipo Jurídico Jaén Paraíso Interior FS (Grupo 5), Wanapix Alagón Multiservicio AD Sala 10 (Grupo 6), SD Colegio El Pilar Valencia de la FEMDL (Grupo 7) e Doctoral FS (Grupo 8).
Declaracións previas
Horarios e o cadro
Cuarto de Final 1: Noia Portus Apostoli FS - MRB FS Móstoles | Venres 11 de abril (11:00h)
Cuarto de Final 2: Futsal 54 Mataró CE - Trepalio León Sala | Venres 11 de abril (13:00h)
Cuarto de Final 3: EOM Equipo Jurídico Jaén Paraíso Interior FS – Wanapix Alagón Multiservicio AD Sala 10 | Venres 11 de abril (16:00h)
Cuarto de Final 4: SD Colegio El Pilar - Doctoral FS | Venres 11 de abril (18:00h)
---------------
Semifinal 1: Gañador Cuarto de Final 1 - Gañador Cuarto de Final 2 | Sábado 12 de abril (11:00h)
Semifinal 2: Gañador Cuarto de Final 3 - Gañador Cuarto de Final 4 | Sábado 12 de abril (13:00h)
---------------
Final: Gañador Semifinal 1 - Gañador Semifinal 2 | Domingo 13 de abril (12:00h)
Emisión en directo
O torneo poderase seguir, en directo e en exclusiva, a través dos canais oficiais da RFEF (YouTube e redes sociais).
O desprazamento
A expedición noiesa puxo rumbo en autobús a Murcia o mércores pola noite. Á súa chegada, realizaron a última sesión de adestramento previa á Copa no Pavillón José María Cagigal.
תגובות