top of page

O IX Trofeo Portus Apostoli preséntase cun cartel de máxima entidade e repercusión

  • 1 day ago
  • 4 min read
Martes, 21/07/2026 · 19:20h · Imaxe: Foto Pichero | O Parrulo Ferrol FS, Illes Balears Palma Futsal e a Selección de Indonesia disputarán o Trofeo amistoso xunto ao Portus Apostoli entre o 21 e o 22 de agosto, en plenas festas patronais.
Martes, 21/07/2026 · 19:20h · Imaxe: Foto Pichero | O Parrulo Ferrol FS, Illes Balears Palma Futsal e a Selección de Indonesia disputarán o Trofeo amistoso xunto ao Portus Apostoli entre o 21 e o 22 de agosto, en plenas festas patronais.

De aquí nun mes. O IX Trofeo Portus Apostoli, a gran cita da pretemporada noiesa, foi presentado na mañá deste martes no salón de plenos do Concello de Noia. Esta 9ª edición disputarase o 21 e 22 de agosto, en plenas festas patronais da Vila, e contará coa participación de O Parrulo Ferrol FS, Illes Balears Palma Futsal e a Selección de Indonesia, conformando xunto ao equipo de David Palmas un torneo internacional e de altísimo nivel.


No acto celebrado na casa consistorial noiesa estiveron presentes Francisco Pérez, alcalde de Noia; Pablo Prieto, presidente da Real Federación Galega de Fútbol; Silvia Cancela, directiva da Real Federación Galega de Fútbol; Javier Barreiro, director xeral do Noia Portus Apostoli FS Javier Martínez e Tomás Llao, directivos de O Parrulo Ferrol FS; Jose Tirado, presidente do Illes Balears Palma Futsal; e Héctor Souto, seleccionador de Indonesia.


“Noia será o epicentro do fútbol sala internacional”

O alcalde noiés, primeiro en intervir, recoñeceu como “un orgullo que a elite nacional do fútbol sala estea presente”, agradecendo especialmente ao Portus Apostoli “por traer este evento a Noia un verán máis e situarnos no máis alto deste deporte”. Pechou reiterando que o Club blanco “ten a colaboración do Concello, dentro das nosas posibilidades, e o noso apoio absoluto”.


A continuación, tomou a palabra Pablo Prieto. O presidente da RFGF denominou como “todo un luxo” poder contar con este tipo de torneo e agradeceu “de forma moi especial” ao Noia Portus Apostoli FS, incidindo no seu “músculo a nivel deportivo e a capacidade organizativa” e tildando á Entidade como “unha referencia” a varios niveis, “que exporta a imaxe de Noia por toda España e fai moi ben as cousas”. O rexedor federativo estendeu as súas felicitacións ao resto de participantes e ao Concello de cara a un torneo no que se unirá “que os protagonistas son os mellores que podemos ter, as gradas seguramente estean ateigadas e as ganas de que este deporte siga medrando. Noia será o epicentro do fútbol sala internacional o vindeiro 21 e 22 de agosto”.


Noia PA FS vs Indonesia e O Parrulo vs Illes Balears Palma Futsal serán as semifinais

Representando ao Noia Portus Apostoli FS falou o seu director xeral, Javier Barreiro, que comezou parabenizando á RFEF e á RFGF pola reciente consecución da Copa Mundial da FIFA de fútbol por parte da Selección Española. Sobre o IX Trofeo Portus Apostoli, Barreiro afirmou que “é un día para estar orgullosos, porque xuntar a xente, clubes e unha selección tan importantes dá moito prestixio”, recalcando as grandes relacións con O Parrulo Ferrol FS e Illes Balears Palma Futsal, ademais de congratular e agradecer a Héctor Souto e á súa selección de Indonesia polos seus éxitos e contar coa súa participación. O dirixente noiés concluíu desvelando que as eliminatorias de semifinais serán o venres 21 de agosto, Noia Portus Apostoli FS vs Indonesia e O Parrulo Ferrol FS vs Illes Balears Palma Futsal, quedando para o sábado 22 o duelo polo terceiro e cuarto posto e a final.


Por parte de O Parrulo Ferrol FS foi turno do seu directivo Tomás Llao, quen recoñeceu que “cando vimos a Noia sentímonos como na casa. Hai unha relación moi boa, sempre nos trataron moi ben”, lembrando a exemplar imaxe de irmandade entre afeccionados do último derbi ligueiro. “Vir aquí a xogar este torneo é un gustazo, sentímonos orgullosos”, recoñecía Llao, que agarda que “a xente axude e veña a ver os partidos, que serán moi bonitos”, ademais de incentivar á afección noiesa a que “se sintan orgullosos do seu equipo, do Noia, que está facendo as cousas moi ben, e os que vimos invitados vamos a dar el do de peito para que a cousa saia como todos queremos”.


Para Indonesia será “un fito histórico”

Proseguiu Jose Tirado, máximo dirixente do Illes Balears Palma Futsal, que quixo reivindicar a frase anterior de Pablo Prieto. “Xa lle damos normalidade, pero creo que durante eses días, Noia vai ser a capital mundial do fútbol sala”, afirmou o mandatario palmesano, quen non dubidou en “felicitar ao Noia Portus Apostoli FS e Javier Barreiro, sobre todo por conseguir que unha selección tan importante no mundo veña a Galicia e a Noia e xogue este torneo”, coa “repercusión a nivel mediático e non só a nivel mediático” que iso supón.


Por último, Héctor Souto agradeceu “de parte da Federación de Futsal de Indonesia e a través do meu cargo a acollida que vamos a ter en Noia”, ademais de ao Club e o Concello por realizar un Trofeo que “xa é referencia no panorama galego, español e creo que desde hai un tempo no internacional”. O seleccionador definiu como “un fito histórico” este desprazamento do seu combinado, primeiro lonxe do continente asiático que realizan, algo que será moi seguido desde o país, que ten total devoción polo fútbol sala. “Será un auténtico pracer, agardamos estar á altura e render ao máximo nivel”, expresou Souto, quen tamén confesou que, máis aló das pistas, “estamos traballando para que unha representación de políticos de Indonesia poida achegarse a Galicia e visitar certas institucións”.


Imaxes: Foto Pichero

Comments


bottom of page