CRÓNICA X6 LIGA PRIME FUTSAL – TORNEO APERTURA (NPA 2–3 PEÑ) | Por centímetros

A tolemia, esta vez, foi interruptus. Tras o tanto de Mykytiuk a 15 segundos do final, o largueiro separou a Koeman de certificar un empate a apenas 2 do último bucinazo. Un punto que sería moi meritorio para os noieses, de novo arrastrando varias ausencias, na visita do Servigroup Peñíscola FS, que levou a vitoria (2-3) nun discutido partido da xornada 6.
O primeiro tramo de encontro discurriu con moita intensidade e o protagonismo dos duelos. Unha ‘guerra de guerrillas’ na que os peñiscolanos souberon moverse mellor e atoparon o 0-1 por mediación do internacional español Pablo Muñoz.

Os brancos presentaban unha lista sen David Pazos, Ismael, Montero e Leozin, baixas ao igual que un Rubi que entrou en convocatoria, pero non puido disputar minutos. Si xogou Oliver Chenel, un dos dous filialistas na nómina, xunto a un Iago López que se estreaba, aínda que sen participación. Ante esta situación adversa, os noieses adoeceron de falta de fluidez e posesión. Polo menos, ata a entrada en partido de Peixe. Coas incorporacións ao ataque do brasileiro, volcou a pista cara o horizonte rival nos últimos compases do primeiro período. Os seus disparos de lonxe e ocasións de Biel e Charly cercaron un 1-1 que nunca se produciu.
A contracorrente... e case con premio
Porque a expulsión de Thierry por dobre amarela, xa na segunda metade, propiciou o 0-2 de Diego Sancho. Un tanto que os visitantes tiveron que traballar a conciencia ante a boa actuación defensiva dos noieses, que quedou a segundos de anular a inferioridade numérica.
Co alento dun Mourís que nunca deixa sós aos seus, o Portus Apostoli non se rendeu e foi a por un gol que reducira diferenzas. Fíxoo, pronto e de belísima factura, Biel. O brasileiro, un dos que máis estaba insistindo sobre el marco de Acosta, enviou á escadra coa zurda o seu disparo desde a banda apenas un minuto máis tarde.
Entre incorporacións de Peixe e accións de un contra un, os brancos buscaban el empate. Tívoo o propio Biel a pase de Macedo, pero o seu xute foi ao pau. Tamén os peñiscolanos gozaron de oportunidades para o terceiro. A máis clara, unha salvada entre paus de Altamirano a Sancho.

Algo máis de tres minutos restaban cando Koeman entrou na cancha coa camiseta de porteiro-xogador. Moveu ben nas súas primeiras circulacións o equipo de David Palmas, pero un imprudente pase á área outorgou a Carlos Sanz a chave do 1-3.
Calquera outro equipo e afección baixarían os brazos. Pero non o Noia e o Mourís. A base de empuxe e encaixando pezas ante a falta de especialistas no xogo de cinco, embotellaron ao conxunto castellonense na súa área. Así chegou o 2-3 de Mykytiuk, con quince segundos por disputarse. Aínda con ese mínimo tempo por diante, tivo que ser a madera a que impedira que Koeman desatara a dous segundos do final unha tolemia que non foi, pero de sobra mereceu o gran esforzo noiés.
Próximo partido
Visita ao Magna Xota FS o vindeiro domingo 1 de novembro ás 16:30h pola 7ª xornada do Apertura da Liga Prime Futsal.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Di Fanti (p), Mykytiuk, Thierry, Charly e Dani Colón. Tamén xogaron Peixe (p), Altamirano (c), Macedo, Koeman, Juampi Cuello, Biel e Oliver Chenel.
Servigroup Peñíscola FS: Acosta (p), Carlos Sanz, Pablo Muñoz, Elías (c) e Diego Sancho. Tamén xogaron Lucas Flores, Yunii, Saladié, Víctor Pérez, Araya, Diego Quintela e Puchy.
Goles: 0-1 Pablo Muñoz (2’), 0-2 Diego Sancho (27’), 1-2 Biel (28’), 1-3 Carlos Sanz (38’), 2-3 Mykytiuk (40’).
Os árbitros Alberto Sarabia Eguiluz, do comité andaluz, e Antonio Pablo Navarro Rodríguez-Villán, do comité catalán, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Thierry (4’ e 25’), o adestrador David Palmas (14’) e Altamirano (24’) e Macedo (29’). Nos peñiscolanos, amarelas a Elías (18’), Lucas Flores (27’) e Araya (28’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 6 do Torneo Apertura da Liga Prime Futsal, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 800 espectadores.





Comments