CRÓNICA X9 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 6–5 RED) | Tolemia para tres máis na casa

Cun final para quedar sen respiración, o Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS fíxose cos tres puntos (6-5) na visita do Redondela FS Rodavigo ao Municipal Agustín Mourís, que continúa sendo inexpugnable, ademais de territorio de tolemia.
O duelo comezou cun intercambio de golpes que se prolongou durante practicamente toda a primeira metade. Adri Troitiño abriu a lata para os noieses no 4’, mesmo minuto no que empataron os visitantes. Aumentaron distancia os brancos por medio do golazo de Hugo de la Peña e outro en propia meta. Porén, o Redondela FS Rodavigo soubo agarrarse ao marcador ata en dúas ocasións, tras o 4-2 de Mario Fernández, e incluso igualalo antes do descanso.
Espectacular desenlace
O Portus Apostoli controlou o encontro desde o seu reinicio, pero viuse por detrás no electrónico tras o gol redondelán en disparo de falta no minuto 32. Os noieses mantivéronse insistentes nos seus ataques, agora na busca da remontada, aínda que permanentemente freados pola resistencia rival.
Ata un último minuto máxico. Con Mario Fernández como porteiro-xogador, os brancos moveron o coiro para atopar só no segundo pau a Bosco, quen colocou o 5-5 a falta de 38 segundos. Tempo de sobra para seguir crendo. E o empuxe tivo todo o premio. Hugo de la Peña puxo a pelota en xogo desde a banda, Pablo Costa golpeou á área, Mario Fernández prolongouna e Adri Troitiño embocou para desatar o éxtase con tan só 87 centésimas por xogarse. Pura tolemia.
Este resultado permite aos noieses manterse con pleno de vitorias na casa, cinco de cinco, e posicionarse 4º con 20 puntos, a tres do novo líder, O Parrulo Ferrol FS.
Próximo partido
Os brancos visitan ao Trepalio León Sala o domingo 22 a partir das 12:00h pola 10ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Mateo Castro (p), Hugo Martínez, Kevin Fernández, Pablo Crespo e Mamadou. Tamén xogaron Mario Fernández, Adri Troitiño, Bosco, Cepeda (c), Hugo de la Peña, Pablo Costa e Darío Vilariño.
Redondela FS Rodavigo: Breixo de Simón (p), Pablo González (c), Roi Rodriño, Adrián Vallejo e Pablo Argibay. Tamén xogaron Antón Sanjorge (p), Bruno Leste, César Omil e Hugo Darriba.
Goles: 1-0 Adri Troitiño (4’), 1-1 Pablo Argibay (4’), 2-1 Hugo de la Peña (5’), 3-1 Roi Rodriño, en propia portería (9’), 3-2 Pablo Argibay (10’), 4-2 Mario Fernández (11’), 4-3 Pablo Argibay (11’), 4-4 Adrián Vallejo (14’), 4-5 César Omil (32’), 5-5 Bosco (40’), 6-5 Adri Troitiño (40’).
Os árbitros Diego González Pontevedra e Marcos Vázquez Mayán amoestaron con tarxeta amarela aos noieses Hugo Martínez (32’), Kevin Fernández (34’), Mateo Castro (36’) e Mario Fernández (40’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 9 do Grupo 1 da Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.





Comments