
Luns, 11/11/2024 · 11:15h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses prevaleceron de maneira clara sobre o seu rival, nun triunfo que moldearon con calma.
O Xuvenil do Noia Portus Apostoli FS alzouse coa súa oitava vitoria da temporada, sexta seguida, ao superar por un claro 8-3 ao Redondela FS – Rodavigo na mañá do pasado sábado.
Os noieses impuxeron cedo o seu dominio, situando un 2-0 a favor en 7 minutos grazas aos tantos de Mateo Varela e Oliver Chenel. Os redondelanos, pura intensidade e xogo rápido, anotaron nun dos poucos ataques posicionais que finalizaron o 2-1 co que se alcanzou o descanso.
A vantaxe aumentou pouco a pouco
Froito dun axustado golpeo exterior, Miguel Romero devolveu a diferenza de dous aos 4 minutos do reinicio. Tívoa que volver a instaurar Mateo Varela pouco despois, xa que os visitantes lograran a súa segunda diana tras unha recuperación na presión alta.
Entrando nos últimos 10 minutos de choque, Oliver Chenel rematou á red unha asistencia de Miguel Romero, que xa no 36’ remataría a pracer para o 6-2 a servizo de Iago López. Os resilientes redondelanos non daban o seu brazo a torcer, e dun saque rápido de portería naceu o 6-3, con algo menos de 4 minutos por xogarse.
Porén, pouco tardaría Oliver Chenel en desactivar a esperanza visitante, completando o seu hat-trick nunha acción de falta. A guinda definitiva colocouna Álvaro, facendo dun roubo no porteiro-xogador do Redondela o 8-3 que iluminou o electrónico ao momento do bucinazo final.
Próximo partido
Os de Daniel Ventoso visitarán ao Valladolid Sport Sala o domingo 17 ás 12:45h, na 10ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Lucas (p), César, Álvaro, Mateo Varela e Oliver Chenel. Tamén xogaron Koke (p), Sito (c), César, Miguel Romero, Iago López, Saúl e Danito.
Redondela FS – Rodavigo: Lois Bouzón (p), Antón González, Noé Ferreira, Roi Iglesias e Nicolás Cuello. Tamén xogaron Izan Freire (p), Breixo de Simón (p), Pedro Ramos, Pablo Argibay, David González, Adrián Montero, Uxío Pazos, Carlos García e Pablo González.
Goles: 1-0 Mateo Varela (3’), 2-0 Oliver Chenel (7’), 2-1 Noé Ferreira (13’), 3-1 Miguel Romero (24’), 3-2 Roi Iglesias (26’), 4-2 Mateo Varela (27’), 5-2 Oliver Chenel (31’), 6-2 Miguel Romero (36’), 6-3 Carlos García (37’), 7-3 Oliver Chenel (37’), 8-3 Álvaro (39’).
Os árbitros Adrián García López e Gabriel Balea Martínez amoestaron con cartón amarelo nos noieses a Sito (11’), Saúl (30’) e Iago López (38’). Nos redondelanos, amarela a Antón González (35’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 9 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments