CRÓNICA X7 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (NPA “B” 2-2 LUG) | A falta de tres, outra vez un

O Noia Portus Apostoli FS “B” e o ADC Lugo Sala asinaron táboas (2-2) o domingo, nun encontro da 7ª xornada do Grupo 1 da Segunda División “B” FS marcado polas alternativas e as baixas en ambos cadros.
E é que tanto noieses como lucenses acudían a esta cita acusando ausencias, o que abría o abanico de opcións para o devir do choque. Os primeiros en dar foron os visitantes, por medio de Mitxel de Sousa no minuto 9. O Filial soubo refacerse e logrou o empate antes do descanso, aproveitando a expulsión do goleador rival para o tanto de Nico Cuello en superioridade numérica.
Oportunidades para cada equipo
Os brancos completaron a remontada aos dous minutos do reinicio, co gol de Hugo de la Peña. A partir do 2-1, faltou control por parte local. As ocasións en ambas porterías puideron abrir distancia ou reinstaurar a igualada. A segunda amarela ao opoñente Pansi parecía determinada a ser un momento clave, pero o Portus Apostoli “B” non acertou. Si o fixeron os lucenses ao introducir o porteiro-xogador, que lles deu rédito co empate de Javi García que terminaría sendo definitivo.
Tras disputar os sete primeiros partidos ligueiros e sumando nos últimos cinco, o Filial noiés é 6º con 11 puntos, abrindo un oco de catro coa zona de descenso e cercando a dous o PlayOff.
Próximo partido
O equipo de Chipi visitará ao Valladolid Tierno Galván FS o sábado 7 de novembro ás 18:30h na 8ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Cristian (p), Hugo de la Peña, Nico Cuello (c), Cepeda e Iago López. Tamén xogaron Mateo Castro (p), Mario Fernández, Teo, César, Pablo Crespo e André.
ADC Lugo Sala: Yerai (p), Miguel (c), Pablito, Pansi e Mitxel de Sousa. Tamén xogaron Koke (p), Javi García, Brunito, Sanfiz, Javito e Longo.
Goles: 0-1 Mitxel (9’), 1-1 Nico Cuello (17’), 2-1 Hugo de la Peña (22’), 2-2 Javi García (38’).
Os árbitros Óscar Luis Gulín Piñeiro e Pablo Enrique Guntín Gurrido amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Iago López (21’), Nico Cuello (22’) e Mario Fernández (39’). Nos lucenses, amarelas a Mitxel de Sousa (9’ e 17’), Javito (24’) e Pansi (31’ e 32’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 7 do Grupo 1 da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.





Comments