top of page

CRÓNICA X6 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 4-2 VTG) | Quinta vitoria en seis partidos


Luns, 21/10/2024 · 22:00h · Imaxe (de arquivo): Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os brancos logran un novo triunfo, nun encontro que dominaron e no que chegaron a gañar por catro tantos.


O Xuvenil de División de Honra FS mantense no máis alto da táboa, empatado xunto ao 5 Coruña FS, despois de superar na matinal do pasado domingo ao Valladolid Tierno Galván AGROCESA por 4-2.


Os noieses volveron a enfrontarse a un contexto de partido coñecido, no que controlaron o coiro e as ocasións. Iso si, houbo que agardar ata o minuto 13 para ver o primeiro tanto, con Brais convertindo o rexeite da parada do meta visitante ao disparo de Iago López desde o punto de dez metros. Antes do descanso, Oliver Chenel emerxeu entre a confusión na área para facer o 2-0 nunha acción de saque de banda.


Dous tantos máis e resistencia ante o conato de reacción


Distinta foi a cousa na reanudación. Tan só un minuto transcorrera cando Xavi Souto finalizou con calma e firmeza unha gran xogada colectiva. No 26’, Danito semellaba decantar definitivamente o duelo do lado branco con outro gol de bela factura, sen poñerse nervioso ante o rival e concretando de punteira.


Porén, o Tierno Galván non deu o choque por perdido, e coa saída do porteiro-xogador reduciu distancias no 28’ e novamente no 36’. O panorama complicouse un pouco máis coa expulsión por dobre amarela do capitán Sito a dous minutos do final. Aí, o Xuvenil noiés tirou de resistencia e carácter para superar a inferioridade e quedarse cuns merecidos tres puntos por quinta vez en seis partidos de Liga.


Próximo partido


Os noieses, colíderes con 15 puntos, recibirán ao Lácteos Cobreros Atlético Benavente FS o vindeiro domingo 27 ás 12:30h.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), César, Gabi, Iago López e Brais. Tamén xogaron Koke (p), Sito (c), Mateo Varela, Álvaro, Xavi Souto, Oliver Chenel, Saúl e Danito.


Valladolid Tierno Galván AGROCESA: Eduardo Durante (p), David Bachiller, Andrés Marcos (c), Roberto Ovejero e Javier Egido. Tamén xogaron Miguel Fernández, Asier Cerrato, Yeray Cerrato, Alberto Villoslada, Mario Fernández e Alejandro Fernández.


Goles: 1-0 Brais (13’), 2-0 Oliver Chenel (18’), 3-0 Xavi Souto (21’), 4-0 Danito (26’), 4-1 Alberto Villoslada (28’), 4-2 David Bachiller (36’).


Os colexiados Borja Rodríguez Rodiño e Álvaro Sobral Moreno amoestaron con cartón amarelo polos locais a Sito (28’ e 38’). Nos visitantes, amarelas a Alejandro Fernández (5’), Andrés Marcos (9’), Mario Fernández (11’), Yeray Cerrato (38’) e Alberto Villoslada (38’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 6 da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page