Cinco de cinco triunfos para o Noia Portus Apostoli FS “B”, que non deu opcións ao I. M. Galical Rábade FS no adiantado da xornada 5 da Tercera División Fútbol Sala.
Segue intratable o Filial, gañando e goleando por quinta xornada consecutiva. Nesta ocasión, foi o I. M. Galical Rábade FS a vítima dun Portus Apostoli “B” que encarrilou o partido no primeiro período para terminar vencendo por un marcador final de 9-1 e consolidándose unha semana máis no liderado da categoría.
Como está acostumando a facer na maioría dos seus encontros, o Filial puxo a directa rápido, dominando cun excelso xogo co balón e conseguindo abrir vantaxe desde o inicio. Jorge, cun dereitazo desde fóra da área, e Hugo, aproveitando un pase atrás de Lukas, colocaban o 2-0 en apenas 6 minutos. Despois do terceiro, de Gandoy, os visitantes optaron por introducir o porteiro-xogador... ata que penalizou tal intento Lucho, empuxando no segundo pau unha combinación con Hugo para o 4-0 no 11’. Dous máis de Álex López, un deles nunha gran acción individual, pecharon unha formidable primeira metade co marcador de 6-0.
A segunda parte viviuse con menos revolucións e, por momentos, sen control de ningún dos conxuntos, o que provocou moitas transicións. E, aínda nesas, serían os noieses os que volverían a golpear, con Álex López completando o seu hat-trick para o 7-0 no 31’, e Dani Prieto resolvendo un balón solto no 33’ co que fixo o 8-0. Os visitantes terminarían logrando o seu gol, despois de que Pablo llo denegara con algunha intervención de mérito, pero serían os brancos os que pecharían o resultado por medio de Gandoy.
15 puntos de 15 posibles dunha máquina ata agora perfecta, a do Noia Portus Apostoli FS “B” que continuará circulando líder unha xornada máis, e en solitario, polo menos, ata que xogue o Distrito Ventorrillo FS. No vindeiro partido, os de David Palmas visitarán ao Sport Sala FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho, Álex López, Pau (c) e Brais. Tamén xogaron Pablo (p), Gandoy, Dani Prieto, Mateo, Lukas, Jorge e Hugo.
I. M. Galical Rábade FS: Borja Rozas (p), Sergio Veiga (c), Jacobo Díaz, Xico Fernández e Alejandro Gruñeiro. Tamén xogaron Adrián Díaz (p), Jesús Castro, Michael Vázquez, Javier Vázquez e Borja Silvosa.
Goles: 1-0 Jorge (3’), 2-0 Hugo (6’), 3-0 Gandoy (7’), 4-0 Lucho (11’), 5-0 Álex López (12’), 6-0 Álex López (20’), 7-0 Álex López (31’), 8-0 Dani Prieto (33’), 8-1 Alejandro Gruñeiro (38’), 9-1 Gandoy (39’).
Os colexiados Cristian Fernández Comesaña e Tania María Penabad Canel amoestaron con cartón amarelo polos locais a Lukas (25’) e polos visitantes a Jesús Castro (9’) e Borja Silvosa (13’).
Incidencias: partido correspondente á quinta xornada da Tercera División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comentários