CRÓNICA X3 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 6–5 ORD) | Terceira vitoria en tres partidos!
- Departamento prensa Noia PA FS

- Oct 27
- 2 min read

Tres de tres para o Xuvenil de División de Honra do Noia Portus Apostoli FS. Os de Pablo Cardoso tiveron que empregarse a fondo para superar por 6-5 a un Jogafan Ordes FS que non deu o seu brazo a torcer en ningún momento.
Os dous tantos iniciais de Iván León semellaban presaxiar unha tarde-noite cómoda para o equipo branco, que dominaba o balón e as ocasións. Porén, o Jogafan Ordes FS logrou resistir en defensa e reducir diferenzas xusto superado o ecuador do primeiro tempo. Miguel Romero devolveu os dous goles de vantaxe para os seus nos instantes previos a encarar vestiarios.
Acción e reacción entre ambos equipos
Nada máis saír do descanso, os ordenses volveron a achegarse no marcador, prolongando un tira e afrouxa constante no segundo acto. Gabi, cun potente punteirazo, colocaba o 4-2 no 25’, ao que responderon os visitantes con outro golpeo exterior certeiro ao minuto. Entre o 31’ e o 32’, secuencia calcada: abría espazo o Noia, con Iván León completando o seu hat-trick, e pouco tardaba o Jogafan en recolocar o seu alento na caluga branca.
O gol de André para o 6-4 ulía a definitivo, pero os vermellos aproveitaron un erro noiés en saída de presión para aproximarse de novo e poñer toda a intriga posible aos últimos dous minutos de partido. A través da posesión do balón, o Portus Apostoli soubo controlar a situación e aplacar a rebeldía rival para firmar a vitoria, terceira en tres encontros.
Próximo partido
Duelo a domicilio ante o outro equipo con pleno, o CD Inter Sala Adarsa Mercedes, o vindeiro domingo 2 de novembro ás 13:00h na cuarta data ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Gabi Díaz (p), Miguel Abeijón, Miguel Romero, Gabi e Jorge Santiago. Tamén xogaron César (c), Iván León, Xavi Souto, André, Adrián Yáñez, Bosco, Hugo Veiga e Danito.
Jogafan Ordes FS: Noé Piñeiro (p), Machado, Guille, Darío (c) e Juanchi. Tamén xogaron Suso (p), Álvaro, Raúl, Dayron e Vilar.
Goles: 1-0 Iván León (5’), 2-0 Iván León (7’), 2-1 Raúl (11’), 3-1 Miguel Romero (19’), 3-2 Darío (22’), 4-2 Gabi (25’), 4-3 Darío (26’), 5-3 Iván León (31’), 5-4 Darío (32’), 6-4 André (33’), 6-5 Machado (38’).
Os árbitros Álvaro Sobral Moreno e Ander Orbegozo Cantón amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Miguel Abeijón (18’) e Xavi Souto (19’). E nos ordenses, amarela a Machado (10’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 3 do Grupo 1 da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 250 espectadores.












Comments