top of page

CRÓNICA X3 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (NPA “B” 3-2 LEI) | O Filial dobrega ao campión

6 days ago
2 min read
Luns, 05/10/2026 · 18:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Exercicio de unión e competitividade dos de Chipi para conseguir unha gran primeira vitoria do curso.
Luns, 05/10/2026 · 18:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Exercicio de unión e competitividade dos de Chipi para conseguir unha gran primeira vitoria do curso.

O Noia Portus Apostoli FS “B” festexou este sábado no Agustín Mourís un moi importante primeiro triunfo (3-2), logrado ante o vixente bicampión ligueiro e, ata esta xornada, líder.


O equipo de Chipi soubo completar un partido moi completo atrás e aproveitar as súas oportunidades. Así conseguiu colocarse co 1-0, grazas ao tanto de Álvaro nun preciso disparo de falta, mentres na outra área Mosquera capitaneaba coas súas paradas o bo facer defensivo. A vantaxe ao descanso incluso puido ser maior, cun lanzamento de Iago López que impactou na madeira.


Os brancos foron por diante ao descanso | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Os brancos foron por diante ao descanso | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Mesma liña


Nada máis saír de vestiarios, o Stellae Leis Pontevedra FS materializou unha das súas oportunidades e puxo o empate a un. Pero nin aínda así se dobregou a resistencia filialista, que tivo gran premio co 2-1 de Iago López no 26’. O á recuperou o coiro e axustizou desde a súa media pista a incorporación do meta contrario.



Os pontevedreses volveron a igualar co gol de Quique, xa pasado o ecuador da segunda metade. Con todo por decidir, o gol de Mario Fernández ao recoller un balón solto na área explotou o tramo final do choque e obrigou aos amarelos a introducir o porteiro-xogador a uns tres minutos do final. Os noieses tiveron que apretar máis aínda os machos e, á vez, fíar fino ante o perigo dunha sexta falta para terminar por certificar unha vitoria balsámica, que os deixa 12º con 3 puntos na táboa.



Próximo partido


O conxunto branco visitará ao Racing de Mieres FS o vindeiro sábado 10 ás 18:00h no Polideportivo Sur Mieres pola 4ª xornada ligueira.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Cepeda, Nico Cuello (c), Iago López e Oliver Chenel. Tamén xogaron Teo, Álvaro, André, Hugo de la Peña e Mario Fernández.


Stellae Leis Pontevedra FS: Dani Pérez (p), Samu, Dani Zore, Hugo e Said. Tamén xogaron Quique, Arturo, Iván Domínguez, Mario Paz (c), Mario Garrido e Oma.


Goles: 1-0 Álvaro (12’), 1-1 Said (21’), 2-1 Iago López (26’), 2-2 Quique (31’), 3-2 Mario Fernández (38’).


Os árbitros Iván Feliz Otero e Pablo Enrique Guntín Garrido amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Hugo de la Peña (26’), Álvaro (26’), André (32’) e o adestrador Chipi (34’). Nos pontevedreses, amarelas a Mario Paz (11’) e Dani Pérez (28’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 3 do Grupo 1 da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page