CRÓNICA X30 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 5–1 RED) | BICAMPIÓNS DE LIGA!
- Jun 1
- 2 min read

Por segunda temporada consecutiva, o Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS conságrase campión do Grupo 1. Así o referendou co triunfo (5-1) o sábado ante o Redondela FS Rodavigo nun Agustín Mourís que celebrou un novo éxito dos seus rapaces.
Oito minutos tardou o equipo de Pablo Cardoso en abrir a lata dun encontro que dominaba, pero no que lle custaba xerar ante a férrea defensa redondelá. De feito, tivo que facelo cun auténtico golazo, un disparo afastado e axustado á escadra que sacou da manga André en acción de saque de banda. Non obstante, os azuis seguiron poñéndoo difícil. Máis, cando lograron o empate nunha eficaz transición ofensiva no minuto 13. Pero o Noia, que non deixou de intentalo en tarefas ofensivas, conseguiu chegar ao descanso con vantaxe, grazas ao tanto de Danito, que culminou unha gran xogada colectiva.

Estado de celebración declarado
Os blancos continuaron achantando o camiño con goles, xa na segunda metade. Oliver Chenel colocou, de cabeza, o terceiro a pase de Xavi Souto no 25’. Pasado o ecuador do reinicio, o capitán César aproveitou o servizo de Jorge Santiago ao segundo pau para o 4-1. Co Redondela FS Rodavigo utilizando porteiro-xogador, o propio César puxo a rúbrica desde a súa media pista.
Nin falta fixo mirar o resultado do perseguidor, un CD Inter Sala Adarsa Mercedes que acabou perdendo en Lugo, para terminar por declarar o estado de celebración no Municipal Agustín Mourís. O segundo título de Xuvenil División de Honra FS consecutivo e a cuarta campaña seguida na que o Xuvenil noiés se proclama campión ligueiro. Outra proeza máis dunha xeración de rapaces espectacular, á que aínda lle queda un último reto por encarar este curso.
Próximo partido
Realizado o sorteo, os noieses, como campións do Grupo 1, afrontan a fase previa do Campionato de España de Clubes Sub-19 esta vindeira semana na casa fronte ao subcampión del Grupo 7, ElPozo Murcia FS, o sábado 6 de xuño ás 19:00h.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Cristian (p), Cepeda, Koeman, Xavi Souto e Oliver Chenel. Tamén xogaron Mosquera (p), Jorge Santiago, Iván León, Danito, César (c), André, Bosco, Hugo Veiga e Miguel Romero.
Redondela FS Rodavigo: Breixo (p), Argibay, Adri, Pipi e Noé (c). Tamén xogaron Yeison (p), Vieira, Hugo e Pablo.
Goles: 1-0 André (8’), 1-1 Argibay (13’), 2-1 Danito (20’), 3-1 Oliver Chenel (25’), 4-1 César (31’), 5-1 César (35’).
Os árbitros Carlos Jesús González Pardal e Iago Cacheda Fernández amoestaron con tarxeta amarela ao redondelán Pipi (37’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 30 do Grupo 1 da Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 300 espectadores.





Comments