top of page

CRÓNICA X30 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (CAR 2-7 NPA) | Gran vitoria antes do Campionato de España

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 4 days ago
  • 2 min read

Luns, 26/05/2025 · 18:50h | Os campións pechan a fase regular co triunfo número 23 en 30 partidos e xa miran á fase previa do Campionato de España desta fin de semana.


O Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS despide a Liga regular en O Carballiño cunha nova vitoria, a 23ª en 30 partidos, para chegar nun gran estado de forma aos oitavos de final do Campionato de España Sub-19 de Clubes esta vindeira fin de semana.


Os brancos abriron a lata no primeiro minuto de xogo por medio de César. Porén, o Carballiño FS daríalle a volta cedo ao marcador, produto dun dobrete de Samuel Valeiras no 5’ e oa 6’. Un espellismo, porque o equipo de Daniel Ventoso lograría impoñerse sen complicacións, e antes do descanso xa colocara o 2-4, con goles de Xavi Souto, Koeman e César de novo.


Máis do pichichi e serios atrás


Repartindo minutos e esforzos de cara ao importante duelo deste sábado, o Portus Apostoli seguiu engadindo tantos á súa conta na segunda metade. Tres máis para ser exactos, conseguidos por Danito e un dobrete de Oliver Chenel, que lle valeu para erixirse con 42 goles como o máximo goleador do Grupo 1. Ademais, mantívose sen encaixar ante o porteiro-xogador carballiñés, afianzándose como o cuadro que menos dianas recibiu en toda a temporada, con 62.


Novos rexistros para a historia deste equipo que pechou un capítulo marabilloso con esta Xuvenil División de Honra FS 2024/2025, pero aínda soña con máis.


Próximo partido


Chega a fase previa do Campionato de España Sub-19 de Clubes co duelo de oitavos de final, este sábado 31 de maio ás 19:15h no Agustín Mourís fronte ao Málaga Ciudad Redonda FS. Quen gañe, clasificarase á fase final, con sede por determinar.



Ficha técnica

Carballiño FS: Xoel Conde (p), Lucas Rodríguez, Oliver Darriba, Adrián Troitiño e Jorge Rodríguez. Tamén xogaron Miguel Barreiro (p), Alejandro Álvarez, Marcos de la Iglesia, Daniel Torres, Hugo Fernández e Samuel Valeiras.


Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), Sito (c), Danito, Álvaro e Miguel Romero. Tamén xogaron Koke (p), César, Koeman, Saúl, Xavi Souto, Iago López e Oliver Chenel.


Goles: 0-1 César (1’), 1-1 Samuel Valeiras (5’), 2-1 Samuel Valeiras (6’), 2-2 Xavi Souto (7’), 2-3 Koeman (10’), 2-4 César (18’), 2-5 Oliver Chenel (21’), 2-6 Danito (26’), 2-7 Oliver Chenel (27’).


Os árbitros Olivier Cardero Rodríguez e Michael Alexander Weber non amosaron ningunha tarxeta amarela.


Incidencias: partido correspondente á xornada 30 do Grupo 1 da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Paco Chao de O Carballiño. Antes do encontro, os xogadores do equipo local realizaron o corredor de honra aos noieses pola súa recente conquista do título ligueiro.

Comments


bottom of page