top of page

CRÓNICA X2 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 9-0 COL) | Abonados ao nove


Domingo, 22/09/2024 · 17:15h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Nova goleada do Xuvenil noiés, esta vez nun plácido debut na casa.


Por segunda xornada seguida, o Xuvenil de División de Honra do Noia Portus Apostoli FS superou de maneira clara ao seu rival, e outra vez anotando 9 dianas. Os de Daniel Ventoso non deron opción algunha ao CD Tres Columnas Relafis-Solyges na súa estrea oficial no Agustín Mourís.


O triunfo comezou a cociñarse moi cedo. Produto de dous tantos de Iago López -un deles de belísima factura- e un de Oliver Chenel, o marcador xa amosaba un 3-0 aínda no minuto 4. Control no resultado e na pista, onde os noieses apenas concederon aproximacóns aos de Ciudad Rodrigo, que tampouco estiveron finos para convertelas. Si o fixo Álvaro, demostrando o seu potente golpeo exterior co 4-0.


Mesma historia no reinicio


Ao formidable xogo do Xuvenil noiés seguíronselle caendo os goles a medida que pasaban os minutos, tamén na segunda metade. Antes do 30’ xa sumaran tres máis, por obra de Oliver Chenel, Brais e Saúl.


Imperaba ese 7-0 cando os visitantes optaron por introducir o porteiro-xogador, algo que tampouco foi solución ante un Portus Apostoli moi concentrado en tarefas defensivas, e que tivo tempo de colocar dúas dianas máis, de Xavi Souto e de Brais, antes do final do encontro.


1-9 e 9-0, 6 puntos de 6 posibles e líderes, empatados con 5 Coruña FS e San Cristóbal Cochinillo Tabladillo. Inicio espectacular do Xuvenil de División de Honra noiés, un debutante na categoría abonado ao 9 nos goles pero que, ata o momento, estao facendo de sobresaliente.


Próximo partido


Os de Daniel Ventoso visitarán a seguinte semana ao FS Salamanca Ecotisa, en partido da 3ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Koke (p), Álvaro, César, Iago López e Brais. Tamén xogaron Mosquera (p), Sito (c), Mateo Varela, Koeman, Xavi Souto, Gabi, Saúl, Oliver Chenel e Hugo Veiga.


CD Tres Columnas Relafis-Solyges: Juanan (p) (c), Jose Alberto, Bernal, Alejandro Vegas e Álex Sastre. Tamén xogaron Álex (p), Pablo Uribe, Alejandro Calvo, Marco e Paul.


Goles: 1-0 Iago López (1’), 2-0 Iago López (2’), 3-0 Oliver Chenel (4’), 4-0 Álvaro (14’), 5-0 Oliver Chenel (23’), 6-0 Brais (25’), 7-0 Gabi (26’), 8-0 Xavi Souto (35’), 9-0 Brais (38’).


Os colexiados Andrés Pinilla Boullosa e Alejandro Rodríguez Travieso amoestaron con cartón amarelo aos visitantes Jose Alberto (28’) e Paul (39’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 2 da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page