top of page

CRÓNICA X28 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (NPA “B” 4–5 5CO) | Derrota que complica o PlayOff

  • 19 hours ago
  • 2 min read
Luns, 20/04/2026 · 22:47h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses viron escapar unha vantaxe de 3-0 na segunda metade.
Luns, 20/04/2026 · 22:47h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses viron escapar unha vantaxe de 3-0 na segunda metade.

Dura derrota (4-5) para o Filial noiés, que pasou de ir ao descanso cun 3-0 favorable a ver como se lle escapaba un punto nos últimos segundos e, con iso, boa parte das opcións de clasificar ao PlayOff de ascenso.


Os de Chipi dominaron o primeiro tempo en todas as súas facetas. Co balón, movendo e xerando con certeza e perigo; e sen el, impedindo o avance do rival, ata o punto de apenas contar con ocasións en contra. Desta gran actuación xurdiu o marcador de 3-0 ao descanso, grazas aos goles de Koeman -que volveu a abrir a lata, igual que 24 horas antes co Primeiro Equipo-, Oliver Chenel e Cepeda.


Cambio de guión


Os filialistas saíron de vestuarios coa intención de manter o ritmo. De feito, rozaron o cuarto tanto en dúas ocasións moi claras que abortou a zaga coruñesa no último momento e que acabarían sendo decisivas. No minuto 25, o 5 Coruña FS inaugurou a súa conta, e coa inercia dese gol máis as necesidades clasificatorias -empezaban a xornada en descenso- déronlle a volta ao partido no xogo e no resultado. Logrou igualar Oliver Chenel no 37’, pero, no último minuto e cos brancos actuando de cinco, os herculinos fixéronse co coiro e rubricaron o definitivo 4-5.


Consulta AQUÍ a GALERÍA do partido | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Consulta AQUÍ a GALERÍA do partido | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Un desenlace que complica case definitivamente ao Portus Apostoli “B” nas súas aspiracións pola promoción. A falta de dúas xornadas, os noieses son 4º con 49 puntos, a tres do 3º lugar do FS Salamanca, co que ten o goal average perdido, e a 4 do 2º onde se sitúa o ADC Lugo Sala, ao que recibirá na última contenda.


Próximo partido


Os filialistas visitarán ao Deporcyl Guardo FS o vindeiro sábado 25 ás 18:30h na penúltima xornada ligueira.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Hugo, Koeman, Nico Cuello e Oliver Chenel. Tamén xogaron Koke (p), Teo, Jaime Pan, Brais, Cepeda e Jorge (c).


5 Coruña FS: Koke (p), Álex López (c), Lukas, Mejuto e Yerai. Tamén xogaron Xoel (p), Buján, Marco, Iago Ponte e Xavi Merelas.


Goles: 1-0 Koeman (5’), 2-0 Oliver Chenel (11’), 3-0 Cepeda (12’), 3-1 Iago Ponte (25’), 3-2 Iago Ponte (27’), 3-3 Yerai (33’), 3-4 Álex López (33’), 4-4 Oliver Chenel (37’), 4-5 Álex López (40’).


Os árbitros Adrián García e Óscar Luis Gulín amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Nico Cuello (9’) e Koke (13’). Nos herculinos, amarela a Xavi Merelas (7’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 28 do Grupo 1 da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 200 espectadores.

Comments


bottom of page