CRÓNICA X27 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 2–2 OPA) | Un punto con sabor amargo
- Departamento prensa Noia PA FS
- May 2
- 3 min read

Venres, 02/05/2025 · 12:25h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses controlaron gran parte do partido, pero viron escapar a súa vantaxe na recta final.
34 grandes minutos non foron suficiente para que o Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS levara o gato á auga fronte a O Parrulo Ferrol FS. O arreón final do terceiro clasificado neutralizou o 2-0 co que se adiantaran os noieses, que poderían ceder renda no liderado e terán que seguir agardando para confirmar a súa presenza no Campionato de España
Primeiro na táboa e xogando na casa, o Portus Apostoli impuxo desde o inicio a súa lei, controlando o balón e as chegadas. Ao Noia só lle faltaba o gol, e cando semellaba que a defensa parrula se ía impoñer no camiño a vestiarios, chegou o tanto de Álvaro, que abriu a lata co cañón da súa perna esquerda nunha acción de estratexia. Puido ampliar vantaxe antes do descanso o equipo branco, pero o meta visitante resistiu no man a man contra Iago López.
Seis minutos que transformaron todo
O entretempo non mudou o guión. Os noieses dominaban e apenas concedían a un O Parrulo concentrado en tarefas defensivas, pero sabían que o 1-0 era exiguo. As ocasións e chegadas claras sucedíanse unha tras outra, aínda que sen lograr materializar. Un atasco ao que, de novo, interviu a potente zurda de Álvaro. Esta vez, nun remate directo de falta que serviu para colocar o 2-0 a piques de alcanzar o ecuador do segundo acto.
Todo pintaba ben para o Xuvenil DH noiés, ata que se cumpliu o minuto 34 de partido. O Parrulo lanzouse a por todas á vez que a quinta falta subiu ao marcador local. O contexto virara totalmente, e confirmouno o 2-1 logrado polos ferroláns, aproveitando un erro defensivo do Portus Apostoli en xogada de córner. Xusto a continuación, o porteiro parrulo volveu a ser protagonista, negando cunha gran man o 3-1 a Brais.
O ímpetu dos da cidade departamental foi demasiado para un cadro noiés grogui e o empate non se fixo de agardar. A 3’ do final, nunha rápida transición tras recuperación en pista contraria, produciuse o 2-2. A tensión respirábase en cada acción do desenlace, conscientes de que podía ser definitiva para o partido e, por tanto, alterar a clasificación. Porén, o electrónico non se moveu máis, incluso nin co porteiro-xogador visitante, e ambos equipos repartíronse os puntos.
Tras este empate, o Portus Apostoli suma 62 puntos no máis alto da táboa, cinco máis que un 5 Coruña FS que terá a oportunidade de reducir a diferenza a dous a falta de tres encontros, e aínda sen selar o pase ao Campionato de España, que podería producirse de darse determinados resultados no resto da xornada.
Próximo partido
Os brancos visitarán ao ADC Lugo Sala Acasti Reformas o domingo 11 de maio ás 12:00h pola xornada 28 ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), Saúl, Iago López, Koeman e Brais. Tamén xogaron Sito (c), Mateo Varela, Danito, Oliver Chenel, César, Álvaro, Miguel Romero e Xavi Souto.
O Parrulo Ferrol FS: Lois Villadoniga (p), Daniel Cachaza, Alejandro Díaz, Hugo Beceiro e Brais Feal. Tamén xogaron Borja Salgueiro (c), Jorge Campos, Antón García, Héctor Rilo, Daniel Varela, Gael Sánchez e Sergio Vázquez.
Goles: 1-0 Álvaro (17’), 2-0 Álvaro (28’), 2-1 Borja Salgueiro (34’), 2-2 Hugo Beceiro (37’).
Os árbitros Adrián Lagos Piedras e Ander Orbegozo Cantón amoestaron con tarxeta amarela ao ferrolán Héctor Rilo (31’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 27 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments