CRÓNICA X26 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (INT 4–2 NPA) | Derrota e todo segue igual
- Departamento prensa Noia PA FS
- Apr 27
- 2 min read

Domingo, 27/04/2025 · 18:50h | Os noieses caeron na súa visita a Salamanca e non aproveitan o tropezo do seu máximo perseguidor.
O Xuvenil de División de Honra do Noia Portus Apostoli FS saldou a súa visita ao CD InterSala Adarsa Mercedes con derrota por 4-2. Os brancos non conseguiron materializar as súas oportunidades e deixaron pasar a ocasión de aumentar distancias no liderado, tras a derrota do seu máximo perseguidor.
O partido empezou ben para os intereses noieses. Oliver Chenel puxo o 0-1 no minuto 3 de xogo, convertindo unha acción individual. Iso si, os locais tardaron pouco en volver a igualar, facendo boa unha transición no 5’. A partir do 1-1, a iniciativa era claramente do Noia, ante un CD InterSala que se resgardaba e resistía o empuxe branco.
Non era o día
Unha dinámica que se mantivo así, máis ou menos acentuada, durante os seguintes tramos do encontro, incluído o segundo acto. Pero os goles atopounos o cadro salmantino. Xa nos últimos dez minutos, o InterSala colocouse cun 3-1, produto de dúas accións certamente desafortunadas para os de Daniel Ventoso. A reacción do Xuvenil DH noiés foi instantánea, e Koeman, que anotara en propia porta o terceiro tanto local, entregou en bandexa a Oliver Chenel o 3-2 segundos máis tarde.
Para ir a pola remontada, Koke adiantou a súa posición como porteiro-xogador a falta de tres minutos. Os brancos tiveron chegadas destacadas, pero non era o seu día. Os charros aguantaron en defensa, e incluso se permitiron facer o cuarto, que sentenciou definitivamente o duelo.
Con esta derrota, unida á do 5 Coruña FS, o Portus Apostoli mantense con catro puntos de diferenza no máis alto da categoría, agora, restando catro partidos.
Próximo partido
Os noieses recibirán ao O Parrulo Ferrol FS a vindeira fin de semana, en horario por determinar, pola 27ª xornada ligueira.
Ficha técnica
CD InterSala Adarsa Mercedes: Víctor Martín (p), Enzo Jiménez, Manuel Martín, Sergio Cavero e Hugo de la Peña. Tamén xogaron Rubén Domínguez (p), Carlos Corral, Miguel Ángel Pérez, Alberto Yáñez e Alejandro García.
Noia Portus Apostoli FS: Koke (p), César, Álvaro, Xavi Souto e Oliver Chenel. Tamén xogaron Mosquera (p), Sito (c), Mateo Varela, Koeman, Brais, Saúl, Iago López e Danito.
Goles: 0-1 Oliver Chenel (3’), 1-1 Manuel Martín (5’), 2-1 Enzo Jiménez (31’), 3-1 Koeman, en propia portería (34’), 3-2 Oliver Chenel (34’), 4-2 Alberto Yáñez (40’).
Os árbitros Alfonso Enrique Gómez Pérez e Jesús Montero Galán amoestaron con tarxeta amarela nos salmantinos a Manuel Martín (32’). Nos noieses, amarelas a Sito (25’), Iago López (33’) e Koke (38’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 26 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Pavillón La Alamedilla de Salamanca.
Comments