CRÓNICA X24 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (RED 2–10 NPA) | Goleada e máis líderes antes da Copa
- Departamento prensa Noia PA FS
- Apr 7
- 2 min read

Luns, 07/04/2025 · 15:55h | Os noieses aproveitan o tropezo do seu inmediato perseguidor cun amplo triunfo en Redondela que lles permite abrir máis oco no liderado.
Paso adiante do Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS en Liga, xusto antes de encarar o soño da Copa de España Xuvenil FS. Os de Daniel Ventoso aumentan, con 58 puntos, a 4 a súa diferenza na táboa co segundo clasificado tras facer bo o seu tropezo coa vitoria por 2-10 en Redondela.
O camiño suavizouse cedo para os noieses. Aos 3 minutos de xogo a mandaban por 0-2, grazas aos tantos de Oliver Chenel e Xavi Souto. Nunha transición no 11’ reduciu distancias o cadro local, pero tan só uns segundos tardou Álvaro en reinstauralas cun golpeo exterior.
Dominaban os noieses, que contaron con varias oportunidades máis para ampliar a súa renda antes do descanso. Logrouno unicamente Brais, empuxando á rede un balón solto na área.
Sentenza no tramo final
O Redondela quixo darlle a volta ao marcador na segunda parte, primeiro a base de transicións perigosas e despois con porteiro-xogador. En ambas fases Koke botou o cadeado á portería branca, e os seus compañeiros terminaron de decantar o partido co paso dos minutos.
Os goles de Oliver Chenel e Álvaro penalizando o xogo de cinco azul colocaron o 1-6. César engadiu o sétimo nunha boa acción colectiva, e xa nos últimos cinco minutos do encontro Oliver Chenel completou o seu hat-trick noutra xogada de recuperación do porteiro-xogador local. Finalizando un gran slalom individual fixo o noveno Iago López e, tras a segunda diana do Redondela, César puxo o definitivo ao tanteador co 2-10 nos segundos finais.
Próximo partido
Sobran as palabras. Este venres 11 ás 11:00h no Pavillón Príncipe Felipe de Asturias (Murcia) chega o gran reto da Copa de España Xuvenil FS. Os noieses buscarán seguir facendo historia no duelo de cuartos de final ante o MRB Móstoles FS.
Ficha técnica
Redondela FS Rodavigo: Lois Bouzón (p), Pedro Ramos, Pablo Argibay, Uxío Pazos e Nicolás Cuello. Tamén xogaron Izan Freire (p), Antón González, David González, Adrián Montero, Roi Iglesias e Carlos García.
Noia Portus Apostoli FS: Koke (p), César, Álvaro, Xavi Souto e Oliver Chenel. Tamén xogaron Lucas (p), Sito (c), Koeman, Brais, Iago López, Saúl e Danito.
Goles: 0-1 Oliver Chenel (2’), 0-2 Xavi Souto (3’), 1-2 Uxío Pazos (11’), 1-3 Álvaro (12’), 1-4 Brais (17’), 1-5 Oliver Chenel (30’), 1-6 Álvaro (30’), 1-7 César (32’), 1-8 Oliver Chenel (35’), 1-9 Iago López (37’), 2-9 Pablo Argibay (38’), 2-10 César (39’).
Os árbitros Daniel Dacal Deza e Tania María Penabad Canel amoestaron con tarxeta amarela aos redondelanos Pablo Argibay (34’) e Uxío Pazos (35’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 24 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Pavillón A Marisma de Redondela.
Yorumlar