top of page

CRÓNICA X23 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 5-0 VIG) | Volta ao triunfo e ao liderado


Luns, 17/03/2025 · 20:10h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Dobre premio para os de Daniel Ventoso coa súa vitoria ante o conxunto vigués.


Tres puntos con valor dobre para o Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS, que despois de superar por 5-0 ao ED Vigo 2015 FS e a derrota do 5 Coruña FS en Valladolid recupera o liderado do Grupo I da categoría.


Trece minutos tardaron os noieses en materializar o seu claro dominio no marcador e borrar a incerteza que podía carrexar o 0-0. Tras o acrobático tanto inicial de Danito e de evitar Koke o empate nun dos aillados ataques laranxas, só catro minutos despois Oliver Chenel desviaba á rede un remate de Xavi Souto para o 2-0.


Control absoluto


O segundo acto foi máis do mesmo. Constantes ofensivas brancas ante o intento de resistencia vigués, que niso quedaría. Aos 3 minutos do reinicio, a conexión Koeman-Oliver Chenel fructificaba no dobrete do pivote.


A vantaxe no marcador antollábase curta para o visto na pista, ata que Brais convertiu dous tantos máis -o segundo de gran factura- para completar o 5-0 final. Ademais, neses últimos minutos Daniel Ventoso deu entrada ao cadete Gabriel Cutrín, que realizaba desta maneira o seu debut co Xuvenil DH.


De regreso á senda do triunfo e ao liderado con 52 puntos -1 sobre o 5 Coruña FS-, dous factores que os noieses agardan que sirvan para recuperar o bo camiño e deixar atrás definitivamente a xeira negativa.


Próximo partido


A seguinte cita do Xuvenil DH noiés será para recuperar o partido aprazado da xornada 16 o domingo 30 de marzo ás 12:30h contra o Stellae Leis Pontevedra FS.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Koke (p), César, Koeman, Xavi Souto e Oliver Chenel. Tamén xogaron Sito (c), Mateo Varela, Brais, Adrián Yáñez, Gabriel Cutrin, Saúl e Danito.


ED Vigo 2015 FS: Pablo Grande (p) (c), Nicolás Seijas, Elías Prado, Iker Ninahuamán e Lucas Botana. Tamén xogaron Iker Martínez (p) e Mauro Calvo.


Goles: 1-0 Danito (13’), 2-0 Oliver Chenel (17’), 3-0 Oliver Chenel (23’), 4-0 Brais (31’), 5-0 Brais (35’).


Os árbitros Carlos Jesús González Pardal e Marcos Noya Pardo non amosaron ningunha tarxeta.


Incidencias: partido correspondente á xornada 23 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Opmerkingen


bottom of page