CRÓNICA X23 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 8–0 PAR) | Goleada e volta á senda do triunfo
- 8 hours ago
- 2 min read

O Xuvenil DH noiés deixa atrás a serie de dúas derrotas seguidas cun incontestable triunfo (8-0) fronte ao O Parrulo Ferrol FS no Alonso Rodríguez, que lle permite continuar por diante no pulso polo liderado.
E iso que o partido puido empezar moi mal. Apenas pasaran 12 segundos cando os colexiados sinalaron un discutido penalti favorable aos ferroláns. Deixouno en anécdota Mosquera interpoñéndose no disparo desde o punto fatídico. A continuación, Gabi recuperou o coiro na área contraria e puxo o 1-0. Todo iso no primeiro minuto. E no segundo, chegou o segundo. Fíxoo Oliver Chenel a pracer, recompensando unha gran acción de Miguel Romero.

Os noieses continuaron facendo botín grazas á acumulación de faltas dos parrulos. Danito e Gabi converteron desde o punto de dez metros para subir o 4-0 ao electrónico antes do camiño a vestiarios.
Sen sacar o pé do acelerador
Calquera posible reacción visitante quedou anulada cos tantos de Iván León e Xavi Souto nos tres primeiros minutos do reinicio. O 6-0 era un colchón suficiente para non temer tras a expulsión do capitán César por dobre amarela. De feito, os de Pablo Cardoso superaron con creces a inferioridade numérica e, no tramo final, redondearon o triunfo cos goles de Iván León e Danito.
Unha vitoria para mirar ao que vén con confianza e seguridade, que a termos clasificatorios tradúcese coa continuidade no primeiro posto, empatado a 58 puntos co CD Inter Sala Adarsa Mercedes.
Próximo partido
Os brancos volverán a xogar na casa esta vindeira semana, recibindo no Mourís ao FS Salamanca AGROCESA Crianza Ibérica o venres 17 ás 21:30h pola 24ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), Cepeda, Miguel Romero, Gabi e Oliver Chenel. Tamén xogaron Cristian (p), Jorge Santiago, Iván León, Danito, César (c), Xavi Souto, André e Hugo Veiga.
O Parrulo Ferrol FS: Lois Villadoniga (p), Sergio Vázquez, Antón García, Daniel Varela e Alexandre Testa. Tamén xogaron Diego Castro (p), Antonio Prieto, Pablo Rivera, Alejandro Díaz (c) e Alexandre Rico.
Goles: 1-0 Gabi (1’), 2-0 Oliver Chenel (2’), 3-0 Danito (11’), 4-0 Gabi (16’), 5-0 Iván León (22’), 6-0 Xavi Souto (23’), 7-0 Iván León (33’), 8-0 Danito (35’).
Os árbitros Daniel Dacal Deza e Gabriel Chousal Prieto amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a César (21’ e 24’) e Jorge Santiago (27’). Nos ferroláns, amarelas a Alexandre Rico (4’) e Antonio Prieto (24’ e 40’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 23 do Grupo 1 da Xuvenil División de Honra FS, disputado no Pavillón Alonso Rodríguez de Noia ante uns 200 espectadores.





Comments