CRÓNICA X21 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 6–1 CAR) | Triunfo cómodo e líderes á Copa
- 10 hours ago
- 2 min read

O Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS seguirá líder na táboa do Grupo 1 despois de asinar unha clara vitoria (6-1) ante o Carballiño FS este venres no Agustín Mourís, no prólogo da súa participación na Copa de España Xuvenil FS de Granada.
O encontro comezou con sobresalto. Os visitantes adiantáronse no 3’ cun lanzamento de moi lonxe que sorprendeu a propios e estraños. Pero ese 0-1 foi un espellismo. Os noieses dominaban con autoridade e só lles faltaba o gol. Tívoo moi preto César, que non logrou conectar o disparo a porta baleira.

Si o conseguiu Iván León, que cun tiro desde fóra da área puxo o empate no 7’. Ata o 14’ houbo que agardar para que o propio Iván León lle dera a volta ao electrónico. Os brancos seguiron abriendo fenda antes do descanso, co tanto de Xavi Souto nunha gran acción de Danito e Bosco, e o hat-trick de Iván León a segundos de encarar vestiarios.
Control total
A segunda metade pasou polo mesmo rumbo. Apenas dous minutos tras o reinicio, Danito puxo o quinto gol na conta local. O control dos de Pablo Cardoso era completo. Tanto, que nin a seca de cara a porta que veu a continuación provocou efecto algún. Xa nos últimos segundos, Gabi tivo o acerto e a fortuna para converter o sexto e definitivo.
18º triunfo da temporada e 55 puntos no peto para un Xuvenil DH noiés que alcanza a cita de citas da mellor maneira posible: líder no Grupo 1 e coa motivación e a moral a tope para intentar facer historia en Granada.
Próximo partido
O Portus Apostoli disputará o encontro de cuartos de final da Copa de España Xuvenil FS o próximo venres 20 a partir das 10:00h contra o CD Valle del Ebro en Ogíjares (Granada).
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Gabi Díaz (p), Xavi Souto, Gabi, Danito e Jorge Santiago. Tamén xogaron Cristian (p), Iván León, César (c), Iago López, André, Bosco, Hugo Veiga e Miguel Romero.
Carballiño FS: Nico (p) (c), Lucas, Nico, Jandro e Torres. Tamén xogaron Xabi R. (p), Vivian, Peña, Iker e Dris.
Goles: 0-1 Lucas (3’), 1-1 Iván León (7’), 2-1 Iván León (14’), 3-1 Xavi Souto (17’), 4-1 Iván León (20’), 5-1 Danito (22’), 6-1 Gabi (40’).
Os árbitros Carlos Jesús González Pardal e Iago Cacheda Fernández amoestaron con tarxeta amarela ao noiés Iago López (24’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 21 do Grupo 1 da Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 200 espectadores.





Comments