top of page

CRÓNICA X20 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (LUG 4–7 NPA) | Vítoria de líder

  • 6 hours ago
  • 2 min read
Luns, 09/03/2026 · 19:19h · Imaxe (de arquivo): Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os brancos repóñense a un mal día e resultado adverso para manterse á fronte da táboa.
Luns, 09/03/2026 · 19:19h · Imaxe (de arquivo): Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os brancos repóñense a un mal día e resultado adverso para manterse á fronte da táboa.

Un líder tamén ten que saber sacar adiante os malos días. Así foi para o Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS este sábado en Lugo, onde tivo que remontar para sumar a vitoria (4-7) e seguir no máis alto da clasificación en solitario.


Como se presupoñía, os noieses levaron a iniciativa do xogo e, de feito, adiantáronse co 0-1 de Iván León a pase de Iago López. Porén, a fluidez non era a doutros días, e o rival xeraba perigo unha vez roubaba o esférico. Así logrou o ADC Lugo Sala dous goles cos que alcanzou o descanso en vantaxe.


Remontada contra todo prognóstico


A empresa púxose máis costa arriba no reinicio, co 3-1 lucense e a expulsión por dobre amarela de Jorge Santiago. E aí, cando peor estaba o asunto, foi cando os de Pablo Cardoso lle empezaron a dar a volta.


Aínda con inferioridade numérica, os brancos fixeron a épica por partida dobre e colocaron o 3-3, grazas a un novo gol de Iván León e outro en propia portería. A inercia mudara, e o que antes non lle saía ao equipo noiés, agora traducíase en máis diferenzas. Bosco conseguiu o quinto gol nunha acción de incorporación do porteiro e pouco tardou en chegar o sexto, en propia porta. Os locais repañaron algo de esperanza co xogo de cinco, pero, xa no último minuto, Xavi Souto encargouse de fulminala e levar os tres puntos a Noia.


O Portus Apostoli faise, desta maneira, co seu cuarto triunfo seguido, resolve a súa última saída antes da Copa de España Xuvenil FS e mantense líder sen máis compañía con 49 puntos.


Próximo partido


Os brancos recibirán ao Carballiño FS o vindeiro venres 13 ás 21:30h na 21ª xornada ligueira.



Ficha técnica

ADC Lugo Sala Acasti Reformas: Sergio Vila (p), Pablo Seoane, Álex Rion (c), Hugo Sanfiz e Iago Núñez. Tamén xogaron Alejandro González (p), Brais García, Manuel de la Torre, Aitor Rodríguez, Yago Carreira e Diego Mera.


Noia Portus Apostoli FS: Gabi Díaz (p), César (c), Miguel Romero, André e Gabi. Tamén xogaron Cristian (p), Jorge Santiago, Iván León, Danito, Xavi Souto, Iago López, Bosco e Hugo Veiga.


Goles: 0-1 Iván León (12’), 1-1 Iago Núñez (17’), 2-1 Hugo Sanfiz (18’), 3-1 Iago Núñez (24’), 3-2 Iván León (27’), 3-3 Sergio Candal, en propia portería (28’), 3-4 Iván León (30’), 3-5 Bosco (36’), 3-6 Aitor Rodríguez, en propia portería (37’), 4-6 Iago Núñez (38’), 4-7 Xavi Souto (39’).


Os árbitros Adrián García e Sergio López Ramudo amoestaron con tarxeta amarela nos lucenses a Iago Núñez (17’) e Aitor Rodríguez (39’). Nos noieses, amarelas a Xavi Souto (8’), Jorge Santiago (17’ e 27’), Iván León (22’), o adestrador Pablo Cardoso (24’) e César (25’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 20 do Grupo 1 da Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal dos Deportes de Lugo.

Comments


bottom of page