top of page

CRÓNICA X19 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 4–3 INT) | Triunfazo e líderes

  • Mar 2
  • 3 min read
Luns, 02/03/2026 · 17:10h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses regresan ao liderado en solitario cunha gran vitoria no duelo no cumio.
Luns, 02/03/2026 · 17:10h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses regresan ao liderado en solitario cunha gran vitoria no duelo no cumio.

Vitoria capital (4-3) do Xuvenil DH noiés o sábado no cara a cara de punteiros do Grupo 1. Desta maneira, o Portus Apostoli volve a colocarse como líder en solitario da táboa con 49 puntos e tres de diferenza.


Os primeiros minutos foron de maior protagonismo visitante. O CD Inter Sala Adarsa Mercedes saíu a cancha con moita intensidade e as ideas claras, obrigando a intervir a Cristian. Ao cadro noiés custáballe gañar metros e xerar. Pero unha vez logrou poñer ao seu pistoleiro Oliver Chenel en posición de perigo, non perdoou. Era o minuto 12 e, só tres máis tarde, chegou o 2-0. Obra de Xavi Souto, encargado da asistencia no primero, que estaba no lugar exacto para aproveitar un balón solto e aumentar as diferenzas.


Consulta AQUÍ a GALERÍA do partido | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Consulta AQUÍ a GALERÍA do partido | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Os goles melloraron aos brancos, aínda que os salmantinos non deron o seu brazo a torcer e, por medio dun disparo ao pau curto de Enzo, puxeron o 2-1. Semellaba que o marcador ao descanso sorriría pola mínima aos noieses, ata que no último segundo, os visitantes anotaron nun saque de esquina para restaurar a igualada con vinte minutos máis por diante.


Medrar na adversidade


Gol psicolóxico encaixado ao que os noieses responderon á saída de vestiarios coa mesma medicina. Non transcorrera nin un minuto do reinicio cando Oliver Chenel demostraba ser o máis listo na área para rubricar o 3-2. Os de Pablo Cardoso agarráronse a esa vantaxe durante un segundo período con alternativas para ambos e que tivo na segunda amarela ao local Álvaro un punto de inflexión. Iso si, no bando inesperado.


O tanto de André desatou a tolemia no Mourís | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
O tanto de André desatou a tolemia no Mourís | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

E é que a pesar de atoparse cun menos na pista, Koeman armou unha xogada individual de aúpa, a enésima do partido, que, á segunda, transformou André, para delirio dun Agustín Mourís cunha reseñable entrada nas súas gradas. Os charros optaron polo porteiro-xogador, manobra na que o Portus Apostoli tapou case todos os buratos. Só a pouco máis dun minuto para o final concederon un tanto que engadiu picante, pero non moveu os tres puntos da Vila.

Próximo partido


Os de Pablo Cardoso visitarán ao ADC Lugo Sala Acasti Reformas o vindeiro sábado 7 de marzo ás 20:00h na 20ª xornada ligueira.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Cristian (p), Danito, Álvaro, Koeman e Oliver Chenel. Tamén xogaron Jorge Santiago, César (c), Cepeda, Xavi Souto, Gabi e André.


CD Inter Sala Adarsa Mercedes: Víctor (p), Hugo de la Peña, Enzo, Iván e Manu (c). Tamén xogaron Rubi (p), Corral, Miguel, Alberto e Abdón.


Goles: 1-0 Oliver Chenel (12’), 2-0 Xavi Souto (15’), 2-1 Enzo (17’), 2-2 Manu (20’), 3-2 Oliver Chenel (21’), 4-2 André (35’), 4-3 Miguel (39’).


Os árbitros Gabriel Chousal e Lidia Crespo Pardo amoestaron con tarxeta amarela aos noieses Cristian (6’), Álvaro (11’ y 34’), Xavi Souto (32’) e Gabi (39’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 19 do Grupo 1 da Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 250 espectadores.

Comments


bottom of page