top of page

CRÓNICA X18 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 5–2 SAL) | O líder remonta e resárcese


Luns, 10/02/2025 · 16:35h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses cobráronse o desquite ante un rival que lles deu un susto.


O Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS logrou, co seu 16º triunfo en 17 partidos, a “vinganza” ante o FS Salamanca Ecotisa, único equipo en privarlle dos tres puntos ata a data, no duelo da 18ª xornada.


Tivo que remontar o cadro dirixido por Daniel Ventoso, xa que os salmantinos adiantáronse no marcador. Roubo e execución rápida, o tanto de Sergio para o 0-1 no 8’ resumía o plan dun FS Salamanca Ecotisa que chegou ao punto de desesperar a un Xuvenil DH noiés que tiña as ocasións, pero non lograba éxito.


Ata que, a dous minutos do descanso, Oliver Chenel puxo o pé no segundo pau para desviar o remate de Álvaro e volver a igualar a contenda, xusto a tempo para evitar o ir a vestiarios co dano mental de verse por detrás.


Sen tranquilidade ata o final


Nunha situación similar e co mesmo finalizador, o conxunto branco tomou a dianteira aos dous minutos do reinicio. Disparo de lonxe de César e desvío plagado de clase de Oliver Chenel, que alterou a dirección do coiro no aire co tacón da súa perna menos hábil.


Aínda que a inercia semellaba sorrirlle aos locais, o FS Salamanca Ecotisa non deu o seu brazo a torcer, e no 28’ volveu a nivelar o marcador ao aproveitar Sergio un desaxuste defensivo noiés. A reacción do Portus Apostoli non se fixo agardar, e, nunha das seguintes acometidas, Oliver Chenel completou o seu hat-trick para o 3-2 no minuto 29.



A pesar de que o encontro seguía na man dos noieses, non lograron pechalo definitivamente ata o tramo final. O meta visitante Cuesta viu a vermella directa tras derrubar a Oliver Chenel, nunha falta que, ademais, era a sexta dos charros. César axustizou o lanzamento adiantado, a uns 7 metros, colocando o 4-2 no 38’.


Á desesperada con porteiro-xogador lanzáronse os visitantes, que non atoparon nada máis que a sentenza noiesa por medio do seu guardameta, Koke, que penalizou desde a súa portería o xogo de cinco salmantino para o 5-2 tras o que debutaba no equipo o cadete Adrián Yáñez e co que concluía o enfrontamento.


Os brancos, líderes con 48 puntos en 17 partidos (pendente o da xornada 16), manteñen así a súa vantaxe á fronte da táboa de 9 con respecto ao segundo clasificado.


Próximo partido


2º contra 1º o vindeiro sábado 15 ás 17:00 no Pavillón Novo Mesoiro de A Coruña, onde os de Daniel Ventoso se enfrontarán ao 5 Coruña FS nun cara a cara por todo o alto.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Lucas (p), César, Álvaro, Xavi Souto e Oliver Chenel. Tamén xogaron Koke (p), Sito (c), Mateo Varela, Miguel Romero, Brais, Saúl, Danito e Adrián Yáñez.


FS Salamanca Ecotisa: Hugo (p), Marcos, Amaro, Carlos e Sergio. Tamén xogaron Cuesta (p), Pablo Barrajón, Diego, Oli, Garrido e Parrón.


Goles: 0-1 Sergio (8’), 1-1 Oliver Chenel (18’), 2-1 Oliver Chenel (22’), 2-2 Sergio (28’), 3-2 Oliver Chenel (29’), 4-2 César (38’), 5-2 Koke (39’).


Os árbitros Daniel López López e Rafael Tovar Rodríguez amoestaron polos noieses con tarxeta amarela a Saúl (19’) e Adrián Yáñez (40’). Nos salmantinos, amarela a Marcos González (36’). Viu a tarxeta vermella directa Cuesta (38’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 18 da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

留言


bottom of page