top of page

CRÓNICA X16 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 12-0 STE) | Pendente solventado con decisión


Domingo, 30/03/2025 · 16:45h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses resolveron cunha amplísima goleada o aprazado da xornada 16.


O Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS superou con comodidade o encontro aprazado da xornada 16, no que asinou ata 12 dianas para concretar unha gran goleada ante o Stellae Leis Pontevedra FS.


Os de Daniel Ventoso controlaron o choque desde o inicio, manexando a pelota e as mellores ocasións. O primeiro tanto resistiuse ata o minuto 10, cando Oliver Chenel definiu á rede coa perna esquerda. Apenas dous minutos despois, o propio Oliver subiu o segundo ao marcador, aproveitando unha perda visitante no uso do porteiro-xogador. Antes do descanso, os noieses engadiron en transición un terceiro gol, en propia meta do Stellae Leis.


Festín goleador


Aos 6’ do reinicio, Danito facía en acción de estratexia o 4-0, tirando por terra de maneira casi definitiva as esperanzas dun cadro pontevedrés que seguía arriscando de cinco nos seus ataques, frustrados sempre ante un Noia ben plantado en todas as facetas.



No último tramo de partido logrou o Portus Apostoli a maior parte da súa cota anotadora. Iago López encargouse do quinto mediada a segunda metade, facendo boa a superioridade numérica pola expulsión dun rival. Pouco despois obtivo dúas dianas máis á súa conta Oliver Chenel, seguidas por outro par de Mateo Varela. Deulle continuidade Iago López para completar o seu dobrete, sumouse á lista Xavi Souto e no último minuto Oliver Chenel pechou o electrónico co seu quinto tanto e o 12º dos seus.


Tras a disputa deste partido aprazado no seu día, os noieses xa se poñen ao día con 23 disputados, ao igual que o resto dos equipos, e coa vitoria regresan á primeira praza da clasificación con 55 puntos, 1 de diferenza sobre o 5 Coruña FS.


Próximo partido


Os brancos visitarán o vindeiro domingo 6 de abril ás 18:30h ao Redondela FS Rodavigo na 24ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), César, Álvaro, Xavi Souto e Oliver Chenel. Tamén xogaron Koke (p), Sito (c), Mateo Varela, Koeman, Brais, Iago López, Saúl e Danito.


Stellae Leis Pontevedra FS: Luis Rey (p), Samuel Carracelas (c), Joel Viñas, Marco Cepeda e Pablo Area. Tamén xogaron Carlos Mira (p), Pablo Dasilva (p), Jairo Costa, Raúl Silva e Lucas Outeda.


Goles: 1-0 Oliver Chenel (10’), 2-0 Oliver Chenel (12’), 3-0 Marco Cepeda, en propia portería (17’), 4-0 Danito (26’), 5-0 Iago López (29’), 6-0 Oliver Chenel (30’), 7-0 Oliver Chenel (31’), 8-0 Mateo Varela (34’), 9-0 Mateo Varela (35’), 10-0 Iago López (36’), 11-0 Xavi Souto (36’), 12-0 Oliver Chenel (40’).


Os árbitros Saúl Cabo González e Carlos Jesús González Pardal amoestaron con tarxeta amarela aos pontevedreses Marco Cepeda (17’) e Pablo Area (25’ e 28’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 16 do Grupo I da Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page