CRÓNICA X15 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (RED 0–7 NPA) | A GRANADA!
- Departamento prensa Noia PA FS

- 4 hours ago
- 3 min read

Por segundo ano consecutivo, o Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS estará na Copa de España Xuvenil FS. O traballado triunfo (0-7) na pista do Redondela FS Rodavigo permitiu aos de Pablo Cardoso manterse no liderado con 40 puntos ao término da xornada 15 e selar o seu billete a Granada.
Desde o comezo ata o final, el partido foi un monólogo do Portus Apostoli co balón. O Municipal A Marisma semellaba inclinado cara o lado que defendía un conxunto local moi implicado en executar á perfección o seu plan defensivo. Ante el se estrelaba unha e outra vez o cadro noiés, que entonou o ‘ui’ xunto á reseñable cifra de noieses desprazados en varias ocasións. As máis claras, dous remates ao pau de Koeman e Cepeda.

Cando xa se asumía o resultado a lentes no camiño a vestiarios, os brancos desarmaron un saque de esquina do Redondela FS Rodavigo, saíron en tromba ao marco rival e, nas botas de Oliver Chenel, quitáronlle a rolla ao marcador con 7 segundos restantes no crono.
Polo seu propio peso
O 0-1 foi o desencadeante de todo o que viría despois. Aos 4 minutos do reinicio, Oliver Chenel repetiu embocando no segundo pau un envío de Gabi. Os redondeláns subiron liñas e abriron espazos, o que aproveitaron os brancos para abrir máis distancias. O 0-3 chegou por medio de Koeman, que finalizou unha rápida transición conducida formidablemente por Gabi. Os azuis buscaron recuperar esperanzas co porteiro-xogador, pero Xavi Souto truncounas co 0-4 desde a súa media pista. Tamén usou o xogo de cinco o cuadro noiés, co que Gabi convertiu un espectacular pase de Jorge Santiago co calcañar. O meta Cristian penalizou de novo o porteiro adiantado dos locais cun golpeo preciso desde os seus dominios, e a puntilla correu a cargo de Gabi, rubricando o seu doblete no 38’.

E co asubío final, a festa. 13 vitorias, 1 empate e 1 derrota en 15 partidos, unha primeira volta de sobresaliente que vale un billete a Granada, á Copa de España Xuvenil FS. Na cita de citas da categoría xuvenil estará o Portus Apostoli por segundo curso seguido. Un premio gañado a pulso por un equipazo que aínda non atopou o seu teito.
Próximo partido
Os noieses comezarán a segunda volta visitando ao CD San Cristóbal Cochinillo Tabladillo o vindeiro domingo 8 ás 12:30h.
Ficha técnica
Redondela FS Rodavigo: Breixo (b), Hugo, Adri, Noé (c) e Antonio. Tamén xogaron Argibay, Crespo, Vieira, Darriba, Roi, Luis e Pablo.
Noia Portus Apostoli FS: Cristian (p), César (c), Koeman, Gabi e Oliver Chenel. Tamén xogaron Jorge Santiago, Iván León, Cepeda, Xavi Souto, André, Danito e Miguel Romero.
Goles: 0-1 Oliver Chenel (20’), 0-2 Oliver Chenel (24’), 0-3 Koeman (26’), 0-4 Xavi Souto (28’), 0-5 Gabi (29’), 0-6 Cristian (35’), 0-7 Gabi (38’).
Os árbitros Daniel Dacal Deza e Lidia Crespo Pardo amoestaron con tarxeta amarela nos redondeláns a Hugo (34’) e Pipi (34’). Nos noieses, amarelas ao adestrador Pablo Cardoso (9’) e César (36’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 15 do Grupo 1 da Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal A Marisma de Redondela ante uns 150 espectadores, con amplo desprazamento de afeccionados noieses.











Comments