top of page

CRÓNICA X15 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 7–2 CAR) | Conclusión de ouro á primeira volta


Domingo, 19/01/2025 · 10:35h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses logran a 14ª vitoria en 15 partidos na visita do Carballiño FS ao Mourís.


O Xuvenil DH noiés puxo fin á primeira volta como mellor sabe facelo: cun triunfo contundente. Esta vez, fronte ao Carballiño FS, que opuxo resistencia durante boa parte do encontro, pero terminou goleado polo torrente ofensivo do líder.


Nun abrir e pechar de ollos tras o asubío inicial, o Portus Apostoli xa dominaba por 2-0, grazas aos goles de Álvaro e Xavi Souto. Os noieses gozaron de oportunidades para ampliar vantaxe, así como os visitantes de reducila. Encargouse Koke de impedir isto último, ata o minuto 15, cando nada puido facer ante o forte remate de Valeiras.


Resposta rápida


Os carballiñeses continuaron apretando e, xa na segunda metade, lograron reinstalar o empate de novo por medio do seu capitán Valeiras. O 2-2 espertou aos brancos, que deron un paso adiante e non deixaron pasar a oportunidade de aproveitar dous erros rivais para castigar co 4-2, goles anotados por Oliver Chenel e Miguel Romero.


A sete minutos do final, o Carballiño FS apostou polo porteiro-xogador, e aí emerxeu a figura de Mosquera. O meta noiés fíxose xigante entre paus para evitar que o marcador se volvera a axustar, e os seus compañeiros redondearon a actuación sentenciando posteriormente. Tras unha boa acción colectiva, Oliver Chenel convertiu o quinto no 37’; desde a súa pista, penalizando o xogo de cinco rival, Xavi Souto fixo o sexto; e Iago López pechou o electrónico co sétimo e definitivo.


42 puntos de 45 posibles e equipo máximo goleador (80) e menos goleado (31). Unha primeira volta que roza a perfección a dun Xuvenil DH noiés que se mantén líder con 9 puntos de diferenza sobre o 5 Coruña FS, o seu directo perseguidor.


Próximo partido


Os de Daniel Ventoso iniciarán a segunda volta ligueira a vindeira fin de semana na casa ante o Stellae Leis Pontevedra FS, en data e hora por confirmar.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Koke (p), César, Álvaro, Xavi Souto e Oliver Chenel. Tamén xogaron Mosquera (p), Sito (c), Miguel Romero, Mateo Varela, Iago López, Danito e Saúl.


Carballiño FS: Mateo (p), Luky, Troiti, Valeiras (c) e Xacobo. Tamén xogaron Miguelote (p), Mauro, Oli, Caride, Torres, Chicha e Cuellas.


Goles: 1-0 Álvaro (3’), 2-0 Xavi Souto (3’), 2-1 Valeiras (14’), 2-2 Valeiras (21’), 3-2 Oliver Chenel (25’), 4-2 Miguel Romero (29’), 5-2 Oliver Chenel (37’), 6-2 Xavi Souto (38’), 7-2 Iago López (39’).


Os árbitros Ander Orbegozo Cantón e Miguel Jesús Rodríguez Pontanilla amoestaron con cartón amarelo nos carballiñeses a Mauro (28’) e Luky (38’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 15 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page