Domingo, 12/01/2025 · 17:50h | Triunfo de equipo o que logrou o cadro de Daniel Ventoso na súa visita a Segovia, o 13º en 14 partidos.
O Xuvenil DH atouse os machos para conseguir tres puntos de moito mérito ante un San Cristóbal Cochinillo Tabladillo moi fuerte no seu feudo e que só entregou o partido pola mínima (5-6).
O inicio non foi o desexado por parte dos noieses. Sen cumprirse o segundo minuto de xogo, os segovianos abriron a contenda co 1-0, e tivéronas para aumentar distancias. Tirando da fortaleza mental e a confianza que dá a espectacular dinámica, o Portus Apostoli aguantou, non se viu abaixo e deulle a volta ao resultado antes do descanso, cos tantos de Miguel Romero e César.
De novo reacción e, ao final, resistencia
A segunda metade comezou incluso peor que a primeira para os de Daniel Ventoso. Na acción inicial, o San Cristóbal reinstalou a igualada. Nun contexto de partido axustado, os noieses volveron a demostrar entereza e contundencia para tomar a dianteira de novo e irse ata un 2-5, grazas aos goles de Gabi, Mateo Varela e Danito.
Os últimos minutos foron de sufrimento. O conxunto local apretou utilizando o porteiro-xogador e reduciu a distancia a un gol. Mateo Varela puxo un punto de calma nun final tolo, ao que os segovianos engadiron unha diana máis, pero sen marxe de manobra para rascar puntos a un líder que mantén a súa man de ferro en 2025 con 39 puntos, 9 de diferenza sobre o segundo.
Próximo partido
Os noieses pecharán a primeira volta o vindeiro sábado 18 ás 18:00h no Agustín Mourís fronte ao Carballiño FS.
Ficha técnica
San Cristóbal Cochinillo Tabladillo: Iker Arcones (p), Hugo Sebastián, Adrián Galindo, Juan González e Álvaro Serrano. Tamén xogaron Rodrigo Gutiérrez (p), Mario de Lucas, Mario Arribas, Marco Álvarez, Sergio Fernández, Iván Plaza e Darío Seco.
Noia Portus Apostoli FS: Lucas (p), Sito (c), César, Iago López e Xavi Souto. Tamén xogaron Koke (p), Gabi, Saúl, Mateo Varela, Miguel Romero e Danito.
Goles: 1-0 Álvaro Serrano (1’), 1-1 Miguel Romero (15’), 1-2 César (19’), 2-2 Hugo Sebastián (21’), 2-3 Gabi (25’), 2-4 Mateo Varela (33’), 2-5 Danito (34’), 3-5 Mario Arribas (36’), 4-5 Álvaro Serrano (38’), 4-6 Mateo Varela (38’), 5-6 Hugo Sebastián (39’).
Os árbitros José Enrique Pascual Cabillas e Felipe Rodríguez Blanco amoestaron con tarxeta amarela nos segovianos a Álvaro Serrano (23’). Nos noieses, ensinaron amarela a Xavi Souto (17’), Gabi (17’), ao adestrador Daniel Ventoso (17’), Siro (33’), Mateo Varela (37’) e Miguel Romero (39’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 14 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal San Cristóbal de Segovia.
Comments