top of page

CRÓNICA X13 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 4-0 LUG) | Á COPA!


Domingo, 22/12/2024 · 13:00h | O Xuvenil noiés golea ao Lugo Sala e certifica a súa histórica clasificación á Copa de España 2025.


Bastaba un empate, pero este equipo non perde a fame. O Xuvenil do Noia Portus Apostoli FS golea ao ADC Lugo Sala por 4-0 e, no seu curso de regreso á División de Honra, estará na Copa de España 2025!


Custoulle máis do habitual aos noieses abrir o marcador ante un Lugo Sala que, en estado de graza as semanas anteriores, quería dar a sorpresa no Mourís. Púxollo costa arriba Brais no 13’, rematando con eficacia a pase de Iago López para o 1-0. Dous minutos máis tarde, unha gran xogada colectiva finalizada por Xavi Souto colocaba o 2-0 co que se chegaba ao descanso.


Pechando con solvencia


Aos 3’ do reinicio, Xavi Souto apagou calquera intento de reacción temperán dos lucenses, cun disparo pegado ao pau curto que supuxo o 3-0. Con ese resultado se mantivo o partido durante boa parte da segunda metade, con ambos equipos buscando un tanto que o decantara para uns ou reintroducira a outros.


Finalmente produciríase o primeiro xa no 36’, con Álvaro deixando visto para sentenza o duelo ao sacar a pasear a súa perna esquerda para converter o definitivo 4-0 e desatar, co asubío final, o tempo de celebracións para o líder, campión de inverno do Grupo I con 36 puntos de 39 posibles e un dos oito participantes na vindeira Copa de España.


Agora xa dentro, aos noieses quédalles por coñecer lugar, datas, rivais e demais datos dunha cita histórica que afrontarán con toda a ilusión, pero que aí queda aparcada. Mentres, ao volver do parón de Nadal, os de Daniel Ventoso centraranse en seguir aumentando o sólido liderado na táboa e seguir loitando por converter máis soños en realidade.


Próximo partido


Tras a pausa navideña, os noieses visitarán ao CD San Cristóbal Cochinillo Tabladillo a fin de semana do 11 de xaneiro pola 14ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Lucas (p), César, Álvaro, Xavi Souto e Oliver Chenel. Tamén xogaron Koke (p), Sito (c), Gabi, Saúl, Mateo Varela, Miguel Romero, Brais, Iago López e Danito.


ADC Lugo Sala: Adrián Fernández (p), Anxo Veiga, Diego Pérez, Pedro Fernández e Iago Núñez. Tamén xogaron Xurxo dos Santos (p), Javier García, Diego Mera, Hugo Sanfiz, David Dorado e Marcos Figueroa.


Goles: 1-0 Brais (13’), 2-0 Xavi Souto (15’), 3-0 Xavi Souto (23’), 4-0 Álvaro (36’).


Os colexiados Adrián Buján Barciela e Saúl Cabo González amoestaron con cartón amarelo ao visitante Pedro Fernández (27’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 13 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page