
Luns, 16/12/2024 · 17:15h | A contundente vitoria na pista dun rival directo e a derrota do 5 Coruña en Salamanca deixa aos noieses a 1 punto de meterse na Copa de España.
Xornada redonda para o Xuvenil de División de Honra noiés, comezando polo triunfo amplo na visita a un rival directo como é O Parrulo, e terminando pola derrota do 5 Coruña en Salamanca, que deixa aos de Daniel Ventoso máis líderes e a 1 punto de certificar a súa clasificación á Copa de España, con 9 por disputarse nesta primeira volta.
Non estaba sendo o mellor inicio de partido dos noieses, pero o talento e as dinámicas -con 8 vitorias seguidas chegou a Ferrol o Xuvenil branco- a veces pesan máis. Así o reafirmou Brais, anotando o 0-1 no minuto 6 que daba a vantaxe aos seus, que a partir de aí tomaron a medida ao partido e contaron con oportunidades para aumentar diferenzas antes do descanso.
Sentenza en dous minutos
Porén, non sería ata a segunda metade cando os brancos debuxarían o segundo no seu marcador. Álvaro, cun golpeo de falta directa, duplicaba a renda noiesa no 22’. A situación sorriría máis aos de Daniel Ventoso cando, tras a expulsión dun local, Oliver Chenel convertía o 0-3 no 27’ e, un minuto máis tarde, Álvaro asestaba co seu dobrete unha estocada en forma do cuarto tanto que resultaría definitiva. Só nos últimos segundos, xa con porteiro-xogador, lograría a súa diana O Parrulo.
E co asubío final confirmouse a 11ª vitoria en 12 partidos do Xuvenil DH noiés. A Copa de España está a tan só 1 punto de deixar de ser un soño e tornarse en toda unha realidade. Números que rozan a perfección dun equipo que, sen dúbida, estase gañando a pulso todos os froitos que está recibindo do seu traballo.
Próximo partido
Os noieses recibirán esta fin de semana ao ADC Lugo Sala Acasti Reformas no Municipal Agustín Mourís, en horario por determinar.
Ficha técnica
O Parrulo Ferrol FS: Diego Castro (p), Daniel Cachaza, Alejandro Díaz, Hugo Beceiro e Brais Feal. Tamén xogaron Lois Villadoniga (p), Borja Salgueiro, Jorge Campos, Antón García, Héctor Rilo, Alexandre Rico, Gael Sánchez e Sergio Vázquez.
Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), César, Mateo Varela, Koeman e Oliver Chenel. Tamén xogaron Lucas (p), Danito, Álvaro, Brais (c), Saúl, Gabi, Xavi Souto, Iago López e Miguel Romero.
Goles: 0-1 Brais (6’), 0-2 Álvaro (22’), 0-3 Oliver Chenel (27’), 0-4 Álvaro (28’), 1-4 Hugo Beceiro (40’).
Os colexiados Álvaro Sobral Moreno y Marcos Noya Pardo amoestaron nos ferroláns con cartón amarelo a Borja Salgueiro (16’ e 27’) e Héctor Rilo (28’), e nos noieses, amarelas a Xavi Souto (9’), César (15’) e Iago López (18’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 12 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal A Malata de Ferrol.
Comments