CRÓNICA X12 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (NPA 10–2 RIB) | Incontestable
- Departamento prensa Noia PA FS

- 1 day ago
- 2 min read

O Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS arranca o 2026 cun festín. Os de Pablo Cardoso non deron opción ao seu rival, completando unha goleada espectacular coa que manteñen o seu posto no liderado ligueiro a tres partidos de pechar a primeira volta.
Os tantos practicamente seguidos de Oliver Chenel e Gabi no 5’ romperon o equilibrio do electrónico a favor dun Noia que o levaba buscando desde o asubío inicial. Tampouco se engurraba o Sibuscascoche Ribeira FS, que chegaba en gran xeira ao Mourís, pero viuse freado polo conxunto branco e, en última instancia, o seu porteiro, Cristian.
Superado o ecuador do primeiro tempo, Koeman abriu máis fenda cun remate exterior en acción de estratexia, ao que lle seguiron o segundo particular de Oliver Chenel no 15’ e o 5-0 de Xavi Souto no 17’, rubricando uns vinte minutos iniciais sobrios e acertados dos locais.
Contundencia total
Os visitantes lograron reducir diferenzas cunha boa transición no 23’, pero lonxe estaría de facer tremer aos noieses. Jorge Santiago materializou o sexto, nacido dunha gran xogada de equipo. Máis tarde e aproveitando o porteiro-xogador lucense, o meta Cristian convertía o 7-1.
Co partido máis que decidido, o Portus Apostoli engadiu no tramo final un de Gabi e dous de Iván León, mentres que o Sibuscascoche Ribeira FS conseguiu sumar outro tanto á súa conta. A destacar neses últimos minutos o debut na portería noiesa de Mateo Castro.
Próximo partido
Os brancos visitarán ao Exlabesa Leis Pontevedra FS a vindeira fin de semana, en horario aínda por determinar, pola 13ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Cristian (p), Danito, Koeman, Cepeda e Jorge Santiago. Tamén xogaron Mateo Castro (p), Iván León, Oliver Chenel, César (c), Xavi Souto, Gabi, André, Hugo Veiga e Miguel Romero.
Sibuscascoche Ribeira FS: Hugo Sánchez (p), Saúl Luna (c), David Gomes, Héctor Touzón e Miguel López. Tamén xogaron Pablo Dorado (p), Marco Dorado, Daniel Abuín, Álvaro Arias, Mateo Fernández, Iker Fernández e Iago García.
Goles: 1-0 Oliver Chenel (5’), 2-0 Gabi (5’), 3-0 Koeman (11’), 4-0 Oliver Chenel (15’), 5-0 Xavi Souto (17’), 5-1 Saúl Luna (23’), 6-1 Jorge Santiago (30’), 7-1 Cristian (33’), 8-1 Gabi (35’), 8-2 Saúl Luna (37’), 9-2 Iván León (37’), 10-2 Iván León (38’).
Os árbitros Andrés Pinilla Boullosa e Carlos Jesús González Pardal amoestaron con tarxeta amarela ao visitante Iker Fernández (28’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 12 do Grupo 1 da Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 200 espectadores.













Comments