![](https://static.wixstatic.com/media/46ef3d_bb0c2ee5735a4ef9b245044878dfd79e~mv2.jpeg/v1/fill/w_980,h_735,al_c,q_85,usm_0.66_1.00_0.01,enc_auto/46ef3d_bb0c2ee5735a4ef9b245044878dfd79e~mv2.jpeg)
Luns, 25/11/2024 · 17:35h | Un gol nos últimos segundos dá ao Filial o seu terceiro triunfo consecutivo.
O Filial sumou de tres por terceira xornada consecutiva este domingo, ao superar ao Racing de Mieres FS nun partido que tivo emoción ata o mesmísimo final.
A primeira diantera tomárona os locais no minuto 10. Pouco tardaron en darlle a volta Gandoy e Oliver Chenel, facendo xustiza ao que fora unha boa saída ao partido dos brancos. Porén, o Mieres conseguiría empatar antes do intermedio, aproveitando unha xogada embarullada.
Un tramo final para non erguerse do asento
Os asturianos subiron liñas, algo que non alterou a un Filial que lograría aumentar diferenzas. Gandoy completaría o seu dobrete particular nun remate de falta, e un envío á área de Jaime Pan desviado por un contrario converteríase no 2-4 con 9 minutos por disputarse.
A falta de 6 minutos, o Mieres optou polo porteiro-xogador, que os reenganchou ao partido practicamente na primeira intentona. Sufrindo o empuxe rival pero sen recibir moitas ocasións claras, o Portus Apostoli “B” tivo a opción de pechar o partido nunha oportunidade de Jorge que negou o opoñente, con todo o infortunio de que a transición resultou no 4-4 a dous minutos do final.
Tras dispoñer o cuadro noiés de dúas grandes chegadas sen éxito con porteiro-xogador, todo semellaba encamiñado a un reparto de puntos en Mieres... pero ata o rabo, todo é touro, e a 10 segundos do último bucinazo apareceu Hugo para anotar o 4-5 que desbordou o alborozo dun Filial que alarga unha semana máis a súa positiva racha.
Próximo partido
O conxunto de Guille Murillo recibirá ao CD Juventud del Círculo Católico o domingo 1 de decembro ás 12:30h no Agustín Mourís.
Ficha técnica
Racing de Mieres FS: Ivan Uría (p), Samuel Cañas, Alejandro Álvarez, Víctor García e Javier Fernández. Tamén xogaron Dylan Sousa (p), Daniel Márquez, Fernando Fernández, Xavier Valladolid, Daniel Fernández e César Torralvo.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Pablo (p), Lucho (c), Teo, Jaime Pan e Canario. Tamén xogaron Gandoy, Brais, Dani Prieto, Hugo, Jorge e Oliver Chenel.
Goles: 1-0 Víctor García (10’), 1-1 Gandoy (11’), 1-2 Oliver Chenel (14’), 2-2 Daniel Fernández (16’), 2-3 Gandoy (28’), 2-4 Víctor García, en propia portería (31’), 3-4 Javier Fernández (36’), 4-4 César Torralvo (38’), 4-5 Hugo (40’).
Os árbitros Juan Manuel Batista Ortega e Héctor Falagán Díaz, do comité cántabro, amoestaron con tarxeta amarela polos asturianos a Víctor García (32’). Polos noieses, amarelas a Hugo (12’), Jaime Pan (16’), o adestrador Guille Murillo (18’) e Gandoy (40’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 11 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Polideportivo Sur Mieres.
Comments