top of page

CRÓNICA X10 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (VSS 2–4 NPA) | Remontada e líderes en solitario!


Domingo, 17/11/2024 · 19:00h | Os de Daniel Ventoso deron á volta a un 2-0 para reclamar unha vitoria capital que os coloca á fronte da táboa sen compañía.


O Xuvenil de División de Honra regresa de Valladolid con máis que un triunfo. Os noieses tiveron que repoñerse dun mal inicio de partido para conseguir tres puntos que o colocan como líder en solitario da competición a falta de 5 xornadas para pechar a primeira volta.


O Valladolid Sport Sala soubo impoñer a súa condición de local nos minutos iniciais do encontro, adiantándose por 2-0 ao 14’ de xogo. Pouco a pouco, os brancos foron entrando no ritmo dun partido físico e que esixía competitividade ao máximo, e o tanto de Iago López ao bordo do descanso deulles máis ás.


Todo para o final


O gol de Miguel Romero no 31’ devolvía as táboas ao marcador e deixaba todo por decidir para a última fase do choque. O Xuvenil noiés daba primeiro pouco despois, con Xavi Souto completando a remontada no 33’.


As emocións estaban a flor de pel sobre a pista do Pavillón Victorine Le Dieu, e máis cando, xa no último minuto, os colexiados sinalaban a sexta falta visitante. A parada de Mosquera no tiro de dez metros evitou que o traballo previo do equipo noiés quedara en nada, e incluso habería tempo para sentenciar o triunfo, con Álvaro marcando o 2-4 final que estalou o xúbilo do Portus Apostoli, novo líder en solitario da categoría e con máis licenza para soñar que nunca.


Próximo partido


Os noieses recibirán dentro de dúas semanas, en horario por determinar, ao CD InterSala Adarsa Mercedes, pola 11ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Valladolid Sport Sala: Sergio Rodríguez (p), Daniel Pablos, Jaime Vázquez, Akram El Jaouadi e Rodrigo Inés. Tamén xogaron Gonzalo Salvador (p), Víctor García, Jaime Gómez, Manuel Abellón, Guillermo Martínez, Javier Hernández e Juan Elvira.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Lucas (p), César, Mateo Varela, Álvaro e Oliver Chenel. Tamén xogaron Mosquera (p), Sito (c), Miguel Romero, Brais, Xavi Souto, Iago López, Saúl e Danito.


Goles: 1-0 Juan Elvira (8’), 2-0 Javier Hernández (14’), 2-1 Iago López (18’), 2-2 Miguel Romero (31’), 2-3 Xavi Souto (33’), 2-4 Álvaro (40’).


Os árbitros Luis Ángel Gregorio Rodríguez e Aitor González González amoestaron nos valisoletanos con tarxeta amarela a Akram El Jaouadi (19’). E nos noieses, amarelas a Saúl (4’), Brais (26’), Xavi Souto (33’ e 39’), o adestrador Daniel Ventoso (34’) e Iago López (37’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 10 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Pavillón Victorine Le Dieu de Valladolid.

Comments


bottom of page