top of page

CRÓNICA SEMIFINAL COPA DE ESPAÑA XUVENIL FS (NPA 4–6 JCT) | Non puido ser

  • 2 days ago
  • 3 min read
Sábado, 21/03/2026 · 15:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Xuvenil DH noiés quedou ás portas da final nun axustado duelo ante os cartaxeneiros que se decidiu por detalles.
Sábado, 21/03/2026 · 15:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Xuvenil DH noiés quedou ás portas da final nun axustado duelo ante os cartaxeneiros que se decidiu por detalles.

O camiño do Xuvenil DH noiés na Copa de España Xuvenil FS finalizou na semifinal. Os de Pablo Cardoso chegaron a colocarse 3-1 en vantaxe, pero unha mala saída do descanso acabounos por condenar nun igualado duelo decidido por detalles.


Desde o inicio, moito ritmo, intensidade e reparto de alternativas tanto na pista por parte dos equipos como desde a grada na voz das afeccións. O primeiro gol produciuse no 7’, coa sinatura de Gabi para o Portus Apostoli, o máis listo na área nunha acción de saque de esquina. Os noieses atoparon petróleo coa pelota parada durante todo o partido, e así chegou tamén o 2-0. Balón enviado desde a liña lateral cara a posición de Oliver Chenel, que sacou unha manobra xa especialidade da casa co taco para ampliar diferenzas.


5 goles de Gabi na Copa | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
5 goles de Gabi na Copa | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Os cartaxeneiros reduciron rápido cun disparo de falta de Ruano, aínda que a alegría duroulles pouco. O que tardou Gabi en fabricar un golazo, tamén en execución de libre directo, directo á escadra, culminando uns espectaculares minutos. As chegadas seguiron sucedéndose en ambas orixes da pista, con paus e oportunidades claras. A máis, un man a man de Álvaro que, en primeira instancia, os colexiados señalaran como falta tras deixar seguir o xogo, pero que anularon ao comprobar que era a sexta e tiro de dez metros para os noieses.


O reinicio, clave


A saída de vestiarios marcou o devir do partido. O Voladuras Carthago Jimbee Cartagena gañou en confianza e aproveitouse dos erros brancos para darlle a volta ao marcador, que no 26’ xa lucía un 3-4 favorable aos da trimilenaria, grazas ás dianas de David Valdés e Ruano por partida dobre.


O Portus Apostoli reaccionou, volvendo a crear perigo coas incorporacións do meta Cristian tras uns minutos de zozobra. Aínda que, novamente, a vía ao gol foi o balón parado. Letal Oliver Chenel no balcón da área para, no 30’, recibir desde a esquina e devolver a igualada.


Partido novo con 10 minutos por diante e o aroma de que un gol podía decantalo todo. Aí, o acerto tívoo Jimbee, co protagonista Ruano anotando o seu cuarto gol nun bo movemento na área. Intentouno o conxunto noiés de cinco ata o final, pero a puntería deulle as costas, e con segundos para o último bucinazo, David Valdés puxa a punta a porta baleira.


Outra gran experiencia | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Outra gran experiencia | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Tristeza na familia noiesa coa rúbrica da eliminación, mesturada cun incluso maior orgullo. Por competir con total honra na maior escena nacional da categoría, superando ademais a meta conseguida o ano pasado. E o de volver a ilusionar e facer historia co escudo do Noia Portus Apostoli FS, coa promesa de que isto segue sendo só o comezo.



Próximo partido


Volta á Liga, visitando esta fin de semana ao Trepalio León Sala pola 22ª xornada con data e hora por determinar.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), Cepeda, Koeman, Gabi e Oliver Chenel. Tamén xogaron Cristian (p), Jorge Santiago, César (c), Álvaro e Iago López.


Voladuras Carthago Jimbee Cartagena: Fernando Alcalá (p) (c), Mariano, Felipe, David Valdés e Urraco. Tamén xogaron Chino, Ruano, Loren e Segura.


Goles: 1-0 Gabi (7’), 2-0 Oliver Chenel (12’), 2-1 Ruano (13’), 3-1 Gabi (13’), 3-2 David Valdés (22’), 3-3 Ruano (25’), 3-4 Ruano (26’), 4-4 Oliver Chenel (30’), 4-5 Ruano (34’), 4-6 David Valdés (40’).


Os árbitros Carlos Enrique Bustos Caparrós e Manuel Jesús Barrilero Mohedano, do comité andaluz, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Gabi (7’), Álvaro (15’), Koeman (23’) e Iago López (33’). Nos cartaxeneiros, amarelas a Fernando Alcalá (13’) e David Valdés (37’).


Incidencias: partido correspondente á rolda de semifinais da Copa de España Xuvenil FS, disputado no Palacio Municipal de los Deportes de Granada ante uns 2000 espectadores, con ampla presenza de afeccionados noieses.

Comments


bottom of page