CRÓNICA 1/8 DE FINAL COPA DO REI FS (MCR 0–4 NPA) | Dirección cuartos de final!
- Departamento prensa Noia PA FS

- 7 days ago
- 2 min read

Por segunda vez na súa historia, o Noia Portus Apostoli FS estará entre os oito equipos presentes no bombo dos cuartos de final da Copa do Rei FS. Así o concretaron os de David Palmas este mércores, despois de superar a difícil visita ao Heredia 21 Málaga Ciudad Redonda FS con solidez (0-4).
O camiño achandouse no minuto 5. Thierry fíxose co balón en medio campo e finalizou a conducción cun preciso remate de punteira para o 0-1. Os noieses tiveron ocasións para facer máis sangue nas botas de Churrasco e o propio Thierry, que se topou co largueiro noutro lanzamento exterior.

Pouco a pouco, os locais comezaron a demostrar a súa sabida perigosidade, gañando en peso no encontro e aproximándose con frecuencia á portería de Schütt. Tiro ao pau de Fernando aparte, o gardameta brasileiro freou nas máis claras o ímpetu do cadro de Tete, que optou antes do descanso por introducir o porteiro-xogador, mecanismo que tampouco lle deu premio.
A sentenza, ao final
Na segunda metade, o Portus Apostoli soubo levar o encontro ao seu terreno e, a excepción de algunha contada chegada local que Schütt controlou sen problemas, o 0-2 parecía próximo. Rozouno Churrasco, pero Ale Fuentes sacou unha boa man abaixo; Thierry volveu a estrelar un balón na cruceta; e a Ismael e Douglas faltoulles pouco para definir á rede.
Foi xa no minuto 37, cos malagueños actuando de cinco, cando o Noia ampliou diferenzas. A sinatura púxoa Churrasco, raudo e veloz ao segundo pau para recibir de Biel, que calmou con mestría un balón largo cara a súa posición. O dano definitivo chegou a través da defensa do porteiro-xogador do Ciudad Redonda, a cargo de Montero e Douglas. A guinda a unha actuación seria que vale para poñerse a un partido da Final Four do torneo do KO e empezar con bo pé unha importante semana de dobre cita.
Próximo partido
Segunda parada da excursión noiesa á vista, co duelo a domicilio na cancha do Family Cash Alzira FS este sábado 13 ás 18:00h pola 14ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Heredia 21 Málaga Ciudad Redonda FS: Santi Souviron (p), Miguel (c), Alvarito, Davilillo e Kiko. Tamén xogaron Ale Fuentes (p), Diego Tosina, Nando Torres, Pablo Guti, Fernando, Campano, Pabli e Pablo Ordóñez.
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Montero, Rubi, David Pazos (c) e Biel. Tamén xogaron Varsalona, Leozin, Koeman, Douglas, Thierry, Ismael e Churrasco.
Goles: 0-1 Thierry (5’), 0-2 Churrasco (37’), 0-3 Montero (39’), 0-4 Douglas (40’).
Os árbitros Carlos Panadero Díaz-Concha e Héctor Mayo López, do comité madrileño, amoestaron con tarxeta amarela nos malagueños a Miguel (14’) e Campano (34’). Nos noieses, amarelas a David Pazos (19’) e Montero (22’).
Incidencias: partido correspondente aos oitavos de final da Copa da SM O Rei FS, disputado no Pavillón José Pérez Canca de Carranque (Málaga) ante uns 450 espectadores.











Comments