top of page

CRÓNICA 1/8 DE FINAL COPA DO REI FS (NPA 2–3 WAN) | Eliminados de Copa do Rei FS


Martes, 07/01/2025 · 23:45h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses quedaron apeados do torneo do KO nun partido no que só foron perdendo no último minuto.


O Noia Portus Apostoli FS despídese da Copa do Rei FS 2024/2025 tras caer por 2-3 contra Wanapix Sala 10 na rolda de oitavos de final. Os brancos dominaron o marcador durante boa parte do choque, pero un penalti e un tanto a falta dun minuto dos zaragozanos terminaron coa aventura copeira noiesa.


As primeiras chegadas foron de Wanapix, pero o gol inicial púxoo o Portus Apostoli. Montero recolleu un bo pase de Rubi e, ante a presión de Pescio, logrou colocar o coiro entre as pernas do meta rival e abrir a lata, aínda no 2’ de xogo.


No electrónico mandaban os noieses e na pista reinaban as alternativas, con ambos equipos gozando de varios minutos favorables para repartirse golpes. Só faltou o acerto necesario para ver movemento en calquera dos tanteos antes do descanso.


Cruel final


Unha das vías nas que máis perigo xeraba Wanapix era o balón parado, e no 26’ terminou por darlle froito. Rivera aplicou a lei do ex ao finalizar á rede un saque de falta indirecta, nivelando así de novo o marcador.


Recompúxose o Noia entrando no tramo final do encontro, grazas á verticalidade de Altamirano e ás ocasións de Diego, Pazos e Pirata, cuxo disparo, previo caneo formidable ao seu par, bicou o pau no 34’. O capitán acabaría atopando o premio do gol pouco despois, empuxando a pracer un envío cruzado de David Pazos, atento para recuperar o esférico no xerme da acción.


Jorge Palos, técnico do Sala 10, optou inmediatamente polo porteiro-xogador, co que sacarían petróleo ao forzar Nando Torres un penalti que o mesmo pivote convertería para o 2-2, con aínda 3 minutos para decidir gañador. Respondeu David Palmas ao empate tamén introducindo o xogo de cinco, e o seu equipo xerou dúas oportunidades de remate que non soubo aproveitar.


Co duelo a un minuto de ir á prórroga, Wanapix logrou desaxustar á defensa noiesa e Carlos García bateu a Peixe no segundo pau para un 2-3 que, a pesar dos últimos intentos locais, sería definitivo.



Próximo partido


Os noieses recibirán este sábado 11 ás 19:00h ao Illes Balears Palma Futsal, na 14ª xornada de Primeira División FS.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Montero, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Power Raggiati, Altamirano, Garrincha, Diego Fávero, Attos, Álex García, Douglas e Thierry.


Wanapix Sala 10: Dani Álvarez (p), Rivera, Espín, Alberto Inés e Pescio. Tamén xogaron Nando Torres, Richi Felipe (c), Miguel Lahoz, Nacho Gómez, Carlos García e Adri Ortego.


Goles: 1-0 Montero (2’), 1-1 Rivera (26’), 2-1 Pirata (36’), 2-2 Nando Torres, de penalti (37’), 2-3 Carlos García (39’).


Os colexiados madrileños Carlos Panadero Díaz-Concha e Héctor Mayo López amoestaron nos noieses con cartón amarelo a Power Raggiati (10‘) e Pirata (37’). E nos zaragozanos, amarelas a Rivera (8‘) e Adri Ortego (27’).


Incidencias: partido correspondente á rolda de oitavos de final da Copa da S. M. O Rei FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 500 espectadores.

コメント


bottom of page